Presentan a segunda edición da BTTroita, que se celebrará o domingo 10 de maio
Por Redacción
Ponte Caldelas acollerá o próximo 10 de maio, domingo, a segunda edición da Ruta BTTroita, cun trazado "lixeiramente diferente" ao do pasado ano, segundo confirmaron dende a organziación.
A proba, que partirá ás 9:30 horas dende a Alameda, foi presentada este xoves no Concello de Ponte Caldelas en presenza do alcalde, Perfecto Rodríguez.
A previsión é superar o medio milleiro de participantes para unha ruta que terá dúas opcións, de 40 e de 32 quilómetros respectivamente.
Os ciclistas que queiran participar na BTTroita deberán anotarse na web www.globaldxt.com antes do 5 de maio, cun custo de inscrición de 9 euros, sendo un euro destinado a unha causa solidaria, a axuda aos enfermos da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).
Para completar a xornada lúdica tamén poñerase en marcha unha 'MiniBTTroita' para nenos e familiares cun percorrido de só tres quilómetros.