Festival de Nadal do Club Waterpolo Galaico Pontevedra
Por Redacción
O Club Waterpolo Galaico Pontevedra organiza o venres, día 28, o xa típico Festival de Nadal de Waterpolo, onde os nenos e nenas de entre 8 e 12 anos que queiran probar este belo deporte terán oportunidade de facelo.
Instalaranse dous campos de mini-wáter-polo, nas piscinas do Complexo Deportivo Rías do Sur, en Pontemuiños, nas que os participantes disputarán varios partidos.
O Festival está aberto a todos aqueles nenos que cumpran un único requisito, o de saber nadar, ademais de querer pasar unha tarde divertíndose co waterpolo na piscina de Rías do Sur, dende as 18.30 ata as 20.00 horas. Contará coa colaboración dos técnicos e xogadores do club que dirixirán os máis pequenos facendo labor de adestradores.
Poñerá o broche final ao Festival de Nadal, arredor das 20.00 h., un partido de exhibición entre pais e nais dos waterpolistas e xogadores das categorías inferiores, seguido dun encontro entre ex-waterpolistas do club pontevedrés, que servirá para despedir o ano de forma divertida.