Erik Balenciaga, primeira fichaxe da SD Teucro para afrontar o seu regreso a Asobal
Por Redacción
Non perdeu o tempo a SD Teucro para comezar a traballar na confección do equipo co que afrontará o seu regreso á Liga Asobal, a máxima categoría do balonmán español. O club confirmou este mércores a fichaxe do central vasco Erik Balenciaga, que se converte na primeira incorporación do equipo pontevedrés para a próxima tempada.
Xogaba ata este ano nas filas do Amenábar ZKE. Aos seus 22 anos, levaba liderando varias tempadas o ataque do equipo vasco cos seus 1.69 metros de altura e 65 quilos de peso. No ano 2013, chegou a ser internacional coa selección española júnior, onde coincidiu con David Chapela e Víctor Rodríguez.
"É un xogador novo que debe seguir mellorando e demostrar as súas calidades nunha categoría como é a Liga Asobal", afirma Quique Domínguez sobre esta fichaxe. Erik Balenciaga chega á SD Teucro tras unha tempada onde o Amenábar ZKE sufriu para salvar a categoría pero onde o central vasco volveu a facer unha gran tempada, sendo o segundo máximo goleador do seu equipo con 146 goles en 30 partidos.
Durante esta tempada viuse as caras coa SD Teucro en tres ocasións, dúas en liga e unha na primeira rolda da Copa do Rei, e entre os tres partidos, Erik Balenciaga meteu 17 goles.
"Balenciaga é un tipo de xogador que necesitabamos. É moi diferente ao que temos na primeira liña. É rápido, explosivo, cun bo un contra un e unha enorme capacidade penetradora. En contraataque é un xogador moi difícil de defender pola súa gran velocidade e a calidade de desprazamento co balón", comenta o adestrador pontevedrés.
Con esta fichaxe vaise empezando a confeccionar o equipo teucrista que, tras seis anos na División de Honra Prata, volverá militar na Liga Asobal. Ademais desta incorporación, Dani Hernández e Gonzalo Carró teñen contrato en vigor para a próxima tempada.
Relacionadas:
-
Edu Moledo, dúas tempadas máis no Teucro
Por Redacción |
-
Acordo para a renovación de Ricardo Amérigo e adeus a Marcos Dorado
Por Redacción |
-
García Pichel renova co Teucro e César Armán confírmase como primeira baixa
Por Redacción |
-
Arxentina espera a incorporación do teucrista Gonzalo Carró en plena preparación do Mundial Júnior
Por Redacción |
-
Baixada de prezos no retorno do Teucro a Asobal: "Sobes?"
Por Diego Espiño |
-
O Teucro recibe o trofeo de campión da División de Honra Prata
Por Diego Espiño & Daniel Santomé |
-
O alcalde involúcrase na busca dun patrocinador para o Teucro
Por Diego Espiño |