David Cal recibirá a Medalla de Ouro de Galicia
Por Redacción
Non cesan os recoñecementos a David Cal tras a súa recente retirada. O último deles chega do goberno autonómico. O Consello da Xunta concedeulle a Medalla de Ouro de Galicia, galardón que se outorga anualmente aos que destacan polos seus servizos á comunidade e que lle será entregada nun acto de honras que se celebrará o próximo 24 de xullo.
Xunto a David Cal, a Xunta recoñecerá este ano ao escritor Xosé Neira Vilas, o oftalmólogo Manuel Sánchez Salorio e, a título póstumo, ao xornalista Enrique Beotas, falecido no accidente de tren de Angrois hai dous anos.
Estas medallas, segundo Alberto Núñez Feijóo, concédense este ano a "catro persoas que contribúen a facer unha mellor Galicia".
A David Cal, Feijóo definiuno como "un deses deportistas que fai que o nome de Galicia estea presente no máis alto dos podios".
As súas cinco medallas olímpicas, unha de ouro e catro de prata logradas en Atenas 2004, Beijing 2008 e Londres 2012, convérteno no deportista español máis laureado nos Xogos Olímpicos. Especialista nas probas de canoa sobre 500 e 1.000 metros, acumula ademais no seu palmarés numerosos campionatos do Mundo e de Europa de piragüismo.
Nas últimas semanas, dende que anunciou a súa retirada, sucedéronse as homenaxes ao padexeiro pontevedrés. Entre eles, recibiu honras por parte do Comité Olímpico Español, a Federación de Piragüismo ou o seu concello natal, Cangas do Morrazo.
Relacionadas:
-
David Cal, homenaxeado polo Comité Olímpico Español
Por Redacción |
-
A pista de piragüismo de Pontillón do Castro levará o nome de David Cal
Por Diego Espiño |
-
David Cal recibirá unha homenaxe da Xunta na entrega dos Premios Deporte Galego
Por Redacción |
-
David Cal confirma o seu adeus entre bágoas e arroupado polos seus
Por Ramiro Espiño |