Veteranos do Celta e o Concello de Sanxenxo renden homenaxe a Canosa
Por Redacción
Javier Alonso Canosa, xogador do Real Club Celta de Vigo entre 1977 e 1983, recibiu na mañá deste domingo unha emotiva homenaxe no campo de Baltar, con motivo da celebración do partido que enfrontou aos veteranos celtistas cunha selección de Sanxenxo.
Canosa, que fixou fai xa varias décadas a súa residencia en Portonovo, formou tamén parte do equipo do Deportivo e do Pontevedra, pero a súa achega ao celtismo fixo que o seu xogo estea entre os mellores recordos da afección de Balaídos.
En Baltar, os veteranos do Celta quixeron renderlle homenaxe, entregándolle unha placa. E a ese recoñecemento oficial e social sumouse José Manuel Fernández, en nome da Federación Galega de Fútbol, e Gonzalo Pita e Jesús Sueiro, alcalde e concelleiro de Deportes de Sanxenxo, respectivamente, que tamén entregaron a Canosa un regalo en forma de agradecemento en nome de todos os afeccionados ao fútbol.
Minutos despois da homenaxe deu comezo un partido no que o alcalde formou parte do equipo de veteranos locais.
Cabe recordar que o obxectivo principal do partido era recoller artigos e doazóns para o Banco de Alimentos Rías Baixas.