A Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía suma 1.254 alumnos en oito modalidades deportivas para adultos
Por Redacción
As actividades deportivas ofertadas este curso pola Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía para a poboación adulta (a partir de 16 anos) contaron cunha excelente acollida por parte dos usuarios que aumentan ano a ano. Pechado o prazo de inscrición e organizados os grupos e calendarios, as oito modalidades deportivas a impartir suman un total de 1.254 alumnos. Para maior comodidade dos usuarios e para facilitar a participación, todas as modalidades deportivas impartiranse en horario de mañá e tarde, tanto en instalacións do centro urbano como das parroquias.
A demanda das actividades deportivas que ofrece a Fundación crece cada ano coa incorporación de novos usuarios, pero tamén de persoas que se inscriben en dúas e máis modalidades. Dada a elevada demanda, a Fundación tivo que ampliar o número de prazas en varias das modalidades, creando máis grupos dos previstos en actividades como ximnasia de mantemento, bádminton ou pilates. Todas as actividades deportivas para adultos comezaron a impartirse esta semana e desenvolveranse ata finais do mes de xuño.
Por actividades, ximnasia de mantemento é á que máis alumnos ten, con 434 persoas repartidas entre os nove grupos que realizarán as sesións no pavillón Castelao, Fontecarmoa, Carril, o colexio Arealonga e o pavillón de Guillán. En Ioaga creáronse cinco grupos para dar cabida ás 241 persoas inscritas e que realizarán as sesións en dependencias do Liceo e no colexio A Escardia. A terceira actividade por número de participantes é ximnasia acuática, que se imparte na piscina municipal e á que asistirán os 222 alumnos distribuídos en 10 grupos.
En aeróbic formáronse tres grupos cos 121 usuarios anotados. Un dos grupos impartirá as clases nas instalacións deportivas de Fontecarmoa e os outros dous en Fexdega. Tamén no recinto de Fexdega e no pavillón de Castelao se impartirán nas clases dos tres grupos de bádminton compostos por 89 alumnos, mentres que os 76 usuarios dos dous grupos de Tai Chi recibirán as súas sesións no colexio do Piñeiriño.
Boa acollida das novas modalidades de pilates e ximnasia funcional
As novidades do curso deportivo que vén de iniciarse incluía a oferta de pilates e ximnasia funcional por vez primeira. A acollida en ámbalas dúas modalidades foi moi boa, sobre todo en pilates, nas que a demanda superou con creces as espectativas da Fundación que, a modo de proba, ofertara 20 prazas, recibíndose un total de 171 solicitudes. Para tratar de dar cobertura ao maior número posible de usuarios, a Fundación triplicou o número total de prazas ata chegar ás 50, creando dous grupos de 25 persoas. Este ano foi imposible habilitar máis grupos de pilates debido a que so que contaba cun monitor. De cara os vindeiro ano a oferta axustarase á demanda rexistrada este ano. As clases de pilates impártense en Fexdega.
A segunda das actividades que se imparten por vez primeira este ano é a de ximnasia funcional. A oferta desta modalidade responde a unha necesidade detectada polos monitores de ximnasia de mantemento para poder tratar de xeito adecuado a usuarios que asistían a esta actividade pero que debido a problemas de mobilidade bastante agudos non podían seguir o ritmo normal do grupo e precisaban dunha atención especial. O número de persoas inscritas en ximnasia funcional ascende a 21, unha máis das prazas ofertadas inicialmente. As sesións celebraranse no pavillón de Castelao.