O Pontevedra supera ao Alondras (0-1) e encadea a súa terceira vitoria consecutiva
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Importante triunfo do Pontevedra no Campo do Morrazo ante o Alondras (0-1) que serve aos granates para manterse na loita polos postos de play-off de ascenso.
O equipo dirixido por Milo Abelleira non gañaba a domicilio dende a terceira xornada de liga, pero apoiados no bo traballo defensivo e no gol de Richi aos 26 minutos lograron levarse os tres puntos, encadeando ademais o seu terceiro triunfo consecutivo.
Chegaban os granates cun equipo de circunstancias que non facía presaxiar o mellor. Lesións e sancións minguaron notablemente as filas pontevedresas, especialmente nunha zona tan importante como o centro da defensa, o que obrigou a Milo a botar man do filial, formando parella de centrais con Yago Vázquez e Cristóbal Domínguez. Ademais, as ausencias estendíanse ao centro do campo, obrigando tamén a un novo debut no pivote defensivo, o do canterano Collazo.
Por se iso fose pouco, Jacobo daba o susto no quentamento, aínda que afortunadamente se recuperou, e aos 17 minutos o novo debutante, Collazo, nun mal apoio caía lesionado tendo que abandonar o campo substituído por Richi.
Pois a todo iso sobrepúxose o Pontevedra e curiosamente ese cambio obrigado resultaría decisivo para o resultado final, xa que sería precisamente Richi quen lograra o único gol do partido, só nove minutos máis tarde de incorporarse ao xogo.
Moitas adversidades que non obstante os granates conseguiron paliar a base de ganas, intensidade e concentración defensiva. Sen renunciar nunca á posibilidade de achegarse ao marco rival, o Pontevedra mostrouse sólido e contundente en defensa, precisamente a liña que máis dúbidas podía ofrecer polas ausencias. Yago Vázquez e Cristóbal Domínguez fixéronse xigantes na mesma medida que conseguían facer pasar desapercibidos aos atacantes locais, que ben é verdade demostraron as dificultades que ten o Alondras nos metros finais.
Boa proba da solvencia e seguridade defensiva mostrada polo Pontevedra é o feito de que o tantas veces punto débil, a defensa de accións a balón parado, non supuxo o máis mínimo susto, como o demostra o feito de que o Alondras chegou a lanzar 13 saques de esquina sen conseguir rematar nin un.
O partido non foi brillante en canto a xogo, aínda que se tenso e intenso polo incerto do marcador. O Pontevedra saíu enchufado e dispuxo das mellores e case únicas accións de perigo, a primeira nun remate de Iago Paz, de cabeza, moi forzado, que se lle foi alto, a segunda nun pase de Stefan a Jacobo, que se planta só pero non pode con Nando no man a man e o seu disparo sácao cos pés o meta local.
Sería o anticipo do primeiro e único gol do partido, tras unha grande acción individual de Cristóbal Juncal, cuxo duro disparo rexeita Nando, deixando o balón morto no centro para que Richi aproveite o regalo.
O Alondras intentábao, pero os seus tímidos intentos morrían case sempre na frontal da área pontevedresa, ou nas mans dun seguro Sergio Lloves cando intentaban colgar balóns.
A segunda parte apenas tivo nada que destacar. O Pontevedra defendeu a mínima renda sen problemas, pero tamén sen pisar apenas a área rival. Os locais empurraron nos últimos minutos, pero salvo un disparo cruzado de Dieguito que marchou fóra, non inquietaron en ningún momento a meta granate.
O Pontevedra desprazouse ata o campo do Morrazo en vehículos particulares
Á marxe do acontecido no partido, salientar que o Pontevedra realizou a viaxe en vehículos particulares dos propios xogadores, desprazando a furgoneta do club para carrexar o material, en lugar de utilizar os servizos dun autobús, nun feito do que non constan precedentes en moitos anos. A razón de facer o desprazamento deste modo, feito moi comentado no Morrazo, segundo fontes do club hai que buscala en evitar a maioría de xogadores que tivesen que viaxar ata Pontevedra, xa que pola proximidade dos seus domicilios lles resultaba máis cómodo ir directamente ao campo.
ALONDRAS CF (0): Nando (1); Castilla (2), Segura (2), Toni Benavides (2), José Ángel (1); Fernando (1); Pablo Martínez (1), Leiro (2), Carlos Campo (1), Denís (1); e Abraham (1).
Substitucións: Calo (1) por Denís, minuto 66. Dieguito (2) por Fernando, minuto 79. Outeiral (s.c.) por Carlos Campo, minuto 83.
PONTEVEDRA CF (1): Lloves (2); Adrián (2), Yago Vázquez (3), Cristóbal Domínguez (3), Nano (2); Cristóbal Juncal (2), Collazo (s.c.), Iago Paz (2), Jacobo (2); Tubo (2) e Stefan (1).
Substitucións: Richi (3) por Collazo, minuto 17. Santi Domínguez (1) por Nano, minuto 59. Fran Fandiño (s.c.) por Stefan, minuto 83.
Árbitro: Francisco Xabier Rodriguez Campo, auxiliado por Manuel Carreira Parrado e Marcos Ordóñez Rodríguez (A Coruña). Amoestou a Adrián, Tubo e Jacobo.
Goles: (0-1) Minuto 26: Duro disparo de Cristóbal Juncal que rexeita con apuros Nando e Richi, moi atento, aproveita para elevar sobre o corpo do meta local.
Incidencias: Campo do Morrazo, Cangas. Uns 500 espectadores. O Labercas saíu ao campo con camisetas e unha pancarta de apoio aos afectados polas Preferentes, nunha acción na que o Pontevedra rexeitou participar.
VESTIARIOS:
MILO ABELLEIRA: Malia a vitoria, o adestrador granate foi crítico con algúns aspectos do xogo do seu equipo: "Temos que mellorar na posesión do balón. Hoxe sufrimos moito por non ser capaces de manter a pelota e non sempre imos ter a fortuna de aguantar o marcador".
Co que si estaba contento Milo era con lograr romper o mal refacho a domicilio: "Dixen o outro día que tiñamos que facer máis puntos fora da casa para ter opcións de estar arriba, ademais de manter o bo refacho que levamos na casa. Esta vitoria vénnos ben porque ademais nos poñemos moi preto do Depor e o Compos. Era un partido difícil polas circunstancias nas que viñamos, con moitas ausencias, pero veunos ben e serviu para comprobar que xogadores do filial poden achegar cousas importantes e ter o seu protagonismo no equipo".
Especialmente satisfeito estaba co rendemento dos dous centrais: "Yago Vázquez xa viña estando connosco e segue en boa liña, e Cristóbal Domínguez xa o vimos o ano pasado e hoxe estivo ben. Ningún deles se complicou, xogaron con seriedade e contundencia e non deron nin unha sóla opción ao rival".
JOSÿ MARÍA RIAL: Imposible coñecer a opinión do técnico local que, cando rematou a súa comparecencia o adestrador visitante, ao solicitar a súa presenza se nos anunciou que xa abandonara o campo do Morrazo sen esperar para atender aos medios informativos presentes.