Primeiro test internacional da tempada olímpica para Bea Gómez na Amsterdam Swim Cup
Por Redacción
Do mesmo xeito que o resto do equipo nacional, Bea Gómez renunciou a participar no recente Europeo de Piscina Curta para centrar os seus esforzos na piscina de 50 metros, dentro dunha programación que esta tempada está enfocada a conseguir a clasificación olímpica.
Nesa planificación, a Amsterdam Swim Cup que se disputa esta fin de semana supón o primeiro gran test internacional para a pontevedresa con vista aos Xogos de Río.
Os nadadores españois xogaranse o pasaporte olíumpico no Open de Primavera, pero a cita holandesa si é clasificatoria, por exemplo, para os deportistas locais.
En total serán máis de 200 competidores de 16 países os que se darán cita nun evento no que Bea Gómez afrontará cinco probas. A deportista do Club Natación Galaico comezará o venres 11 de decembro cos 400 estilos e 200 libre, o sábado está inscrita nos 400 libre e 200 estilos e o domingo completará a súa actuación cos 800 libre.
Xunto a ela o equipo nacional convocou outros 15 nadadores, entre os que se atopa tamén a ribeirense María Vilas.