"Facerlle a vida máis doada aos atletas galegos", obxectivo da Asociación Meeting Rías Baixas
Mellorar e impulsar a saúde do deporte galego é o fin da Asociación Deportiva Meeting Rías Baixas, unha entidade deportiva "innovadora en España", que ten como representantes a Gonzalo Méndez, Raúl Bretal e David Ferrer, persoas moi vinculadas ao atletismo pontevedrés.
O obxectivo da nova institución pontevedresa é "facerlle a vida máis doada aos atletas galegos", como sinalaba Gonzalo Méndez, un dos representantes da asociación. Buscar competicións, patrocinar o atletismo, axudas económicas aos deportistas ou atopar sponsors, son algunhas das iniciativas da entidade, actuando como mediadores para buscar a comodidade dos atletas e "dar un pulo que necesita ou atletismo galego".
A presentación pública da asociación terá lugar este xoves 24 de marzo, no hotel Rías Bajas de Pontevedra, a partir das 20:00 horas. Esta presentación, que será unha charla coloquio, contará coa presenza dos atletas David Gómez ou Solange Pereira, entre outros. Servirá tamén como presentación do primeiro evento organizado pola institución, o Meeting Rías Baixas de atletismo que se celebrará o xoves 28 de xullo nas pistas do Centro Galego de Tecnificación. Neste evento poderase ver en acción á capitá da selección española de atletismo, Ruth Beitia, que será a imaxe principal da proba, acudindo a Pontevedra tres días antes de marcharse aos Xogos Olímpicos de Río 2016.
Ademais, a entidade realizará competicións de base incluídas no plan XOGADE (xogos galegos deportivos en idade escolar), xa que considera Gonzalo Méndez "que o deporte ten que empezar na secundaria precisamente". Por este motivo, coa axuda do Concello, levarán a cabo no inverno que vén "unha liga municipal ou intercomarcal interinstitutos", buscando impulsar este deporte entre os nenos de 14 e 16 anos.
Relacionadas:
-
Ao mundial de atletismo de Doha vaise por Marín
Por Redacción |
-
Cancelan o I Meeting Rías Baixas por "falta de apoios"
Por Diego Espiño |
-
A organización do Meeting Rías Baixas avanza con paso firme
Por Redacción |
-
Presentada en sociedade a Asociación Meeting Rías Baixas
Por Redacción |
-
Traballan na creación dunha gran reunión atlética na cidade, o Meeting Rías Baixas
Por Diego Espiño |