A Federación Galega explica a marcha de Gómez Noya como un "conflito persoal" co seu ex-adestrador
Por Diego Espiño
Un día despois de coñecer a decisión de Javier Gómez Noya de deixar de competir con licenza galega por discrepancias pola federación autonómica, a Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno (FEGATRI) fixo público un comunicado respecto diso, no que confirma que o detonante de todo é a mala relación do pentacampión do Mundo co que foi o seu adestrador, Omar González.
O ente federativo, reunido de urxencia este martes, explica que a pesar de que Gómez Noya non o sinalou publicamente, os feitos graves aos que se refire teñen que ver co actual adestrador do grupo de elite do Centro Galego de Tecnificación. "En reunións con membros da directiva da Federación Galega, Gómez Noya indicou que non estaba disposto a formar parte da federación se estaba Omar nela", sinalan.
Con todo a federación cre que se trata dun "conflito persoal, alleo ao ámbito federativo", ao xurdir os problemas "no seo dunha empresa privada hai varios anos", polo que defendeu "o bo traballo e profesionalidade" de Omar González.
Para finalizar o comunicado a FEGATRI sinala a súa "disposición para dialogar cun deportista co que sempre tivemos unha magnífica sintonía e de forma especial nos momentos complicados", en relación ao apoio mostrado no inicio da súa carreira a Gómez Noya, cando lle foi retirada a licenza para poder competir por un problema médico.
Segundo explica a entidade galega, o campión mundial formalizou a súa ficha para esta tempada coa Federación Madrileña o pasado día 6 de marzo.
Relacionadas:
-
Gómez Noya volverá competir con licenza galega no 2020
Por Manu Otero |
-
Gómez Noya recoñece que se está "atopando ben" antes de estrear tempada en Francia
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Gómez Noya pospón o seu debut nas Series Mundiais ata Leeds e renuncia a pelexar polo título
Por Redacción |
-
Gómez Noya, abandeirado nos Xogos Olímpicos?
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya renuncia a competir con licenza galega por discrepancias coa Federación
Por Redacción |
-
As Series Mundiais de Tríatlon comezan sen Gómez Noya
Por Redacción |