Monte Porreiro tamén ten Gran Premio
Pendente da previsións meteorolóxicas que se esperan para os próximos días, este domingo 3 de abril terá lugar a disputa da segunda proba do Circuíto de Carreiras de Pontevedra, o Gran Premio UNED de Monte Porreiro.
Despois da carreira de San Blas, primeira proba do circuíto, acudirán un total de 504 corredores: 374 pertencentes ao Circuíto de Carreiras e 130 persoas que se apuntaron só a esta carreira. O traxecto consta de 8 quilómetros, disputados en dúas voltas polo barrio pontevedrés co Miradoiro como punto de saída e de meta.
Os tres primeiros clasificados na carreira anterior, Amadeo Abal, Diego Calvete e Diego González, polo lado masculino, e Charo Figueroa, Pilar López e Lorena Salgueiro, en categoría feminina, estarán presentes no evento. Ademais presentaranse 17 equipos, o que supón un incremento con respecto á primeira carreira onde había 10.
Desta maneira, Pedro García Álvarez (presidente de dirección dá UNED), Pablo Díaz (director técnico do circuíto) e Carlos Diéguez (presidente da asociación de veciños de Monte Porreiro), presentaron este xoves 31 de marzo a carreira, acompañados pola concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
O gran premio quere visualizar Monte Porreiro "como un barrio cheo de vida, cheo de cultura, cheo de educación e tamén deporte", sinalou Riveiro.
A continuación da proba senior, fixada para as 12:00 horas, realizaranse as carreiras de base, desde a categoría chupetes (11:10 horas) ata a xuvenil (11:40 horas), podéndose formalizar a inscrición para estas últimas ata media hora antes do inicio de cada carreira.
Pablo Díaz quixo destacar o traballo de "promoción da carreira" nos colexios e institutos de Monte Porreiro, facendo que cada ano haxa "máis nenos competindo".