Marín Peixe Galego despide a tempada do ascenso con derrota ante Clínicas Rincón (70-78)
Por Redacción
Cos deberes máis que realizados, Marín Peixe Galego pechou a tempada do ascenso como a comezou, con derrota na Raña ante un necesitado Clínicas Rincón, que con este triunfo logra a clasificación para os play-offs, onde se verán as caras con Sammic ISB.
Despois duns compases iniciais de igualdade, o conxunto malagueño freaba ao Peixe e pechaba o primeiro período cun parcial 2-13 nos últimos cinco minutos de xogo (12-19).
Os andaluces continuaban co seu bo facer no arranque do segundo cuarto para irse ata a decena de vantaxe (14-24). Marín tiraba de orgullo de campión para apertar o encontro cun 10-2, respondido de inmediato por un 1-10 visitante para volver instalarse a distancia de seguridade (25-36).
Antes do descanso, os de Javi Llorente conseguían poñerse por baixo da decena (30-39), pero Carlos Cobos, con dous triplos seguidos, volvía distanciar aos seus (34-45).
Os de Paco Aurioles controlaban o partido ata que un 9-0 do campión metíalle de cheo no encontro, con Javonte Green exercendo de MVP (52-54). Novamente Clínicas resistía o embate (58-66) e parecía ter a clasificación para o playoff xa encarrilada (63-71, a falta de 3:23). Nada máis lonxe da realidade. Green e Navajas tiraban de caste para meter o medo ao seu rival (70-72). Aos malagueños quedáballes un ataque crave, no que xurdiu a figura de Carlos Corts, que selaba o triunfo visitante cun gran 2+1.
Á parte dunha lixeira relaxación por parte local, cos seus obxectivos conseguidos, a clave do partido estivo no pobre 20% de acerto en triplos, que lastrou o xogo dos marinenses, mentres que o equipo malagueño estivo sostido polo dobre-dobre de Uta (17 puntos e 10 rebotes) e de Belemene (16 e 10), mentres Carlos Cobos quedou a un paso (18 e 9), pero foise a 21 de valoración.
Unha vez máis o MVP do partido foi Javonte Green, que despediu a tempada con 27 de valoración, grazas aos seus 26 puntos, 3 rebotes e 2 asistencias.
Relacionadas:
-
Derrota intranscendente do Peixe Galego na cancha do Sammic (65-61)
Por Redacción |
-
Javi Llorente seguirá como adestrador 'peixe' unha tempada máis
Por Redacción |
-
9 de xuño, data clave para o futuro do Peixe Galego na LEB Ouro
Por Diego Espiño |
-
Marín Peixe Galego culmina unha tempada máxica co ascenso a LEB Ouro tras derrotar a Morón (83-68)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |