Despedida coa cabeza alta do Teucro vencendo (33-30) ao Bada Huesca
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Despediuse o Teucro da liga Asobal. Fíxoo coa cabeza ben alta e a máxima dignidade, derrotando a un excelente equipo como Bada Huesca, nun partido intranscendente, pero que serviu para deixar bo sabor de boca á afección pontevedresa, que aplaudiu aos seus polo esforzo realizado, facendo votos polo rápido retorno dos de Quique Domínguez á máxima categoría do balonmán.
Certo que esa despedida resultou un tanto fría en canto á cantidade de espectadores asistentes, pero sen dúbida iso hai que achacarllo ao debe duns dirixentes caducos en Asobal, que parecen empeñados en ir contra os intereses dos seus propios clubs, fixando a hora de inicio do partido para as 17:30 dun sábado. Aínda así, ao Teucro non lle faltaron os berros de alento, nin o agarimo dos seus máis fieis incondicionais, que puideron por fin volver celebrar un triunfo, cousa que non conseguían desde a primeira volta ligueira.
O partido cumpriu o guión previsto. Liberados de nervios e responsabilidades, ambos os equipos xogaron un balonmán alegre, sen excesiva intensidade defensiva, que entretivo ao espectador. O Teucro foi case sempre a remolque no marcador ata ben entrada a segunda parte, momento en que remontou, logrando manter o resultado sen excesivos abafos ata o final.
A alegría atacante no comezo do partido provocou tres perdas consecutivas de balón dos azuis, que aproveitou Bada Huesca para escaparse lixeiramente (6-9, minuto 13). Quique Domínguez parou o partido e o Teucro reaccionou dando a volta (13-12, minuto 21) cun tanto de Arkaitz, que adiantaba por primeira vez aos locais.
Os maños, guiados por Rochel, recuperaron pronto e fóronse ao descanso cunha pequena vantaxe (14-16), pero a segunda parte sería de cor teucrista. A pesar de que os visitantes lograban a súa máxima renda (15-19) ao regreso de vestiarios, o Teucro reaccionou cunha defensa moi aberta en 3-2-1, que complicou ao ataque rival.
Carlos García, empataba o partido (21-21) aos 38 minutos, e tres goles consecutivos de Edu Moledo poñían ao Teucro por diante (25-22). O mesmo Carlos García fallaba o seu primeiro lanzamento de sete metros, despois de anotar seis consecutivos, o que aproveitou o Huesca para achegarse, pero unha dobre exclusión (2+2) de Eloy González daba aire ao Teucro, permitíndolle manter esa vantaxe de catro goles.
A falta de seis minutos o Teucro parecía ter o partido gañado (31-27), pero Bada Huesca non se entregou e Muguerza chegou a poñer aos visitantes a un (31-30), xusto despois de que Carlos García fallase outra vez desde os sete metros. Quedaban tres minutos, e o capitán teucrista, máximo goleador do partido, desquitouse anotando o 32-30, que redondearía Edu Moledo cun lanzamento parabólico para facer o merecido 33-30 e pasar a celebrar coa afección unha vitoria que non serve de moito, pero que consola e anima para o traballo que desde agora mesmo iníciase en busca de recuperar a categoría.
SD TEUCRO (33): Ritxi Amérigo; Erik Balenciaga (5), Iván Fernández (2), Gonzalo Carró, José Manuel Rial, Dani Hernández (1), Edu Moledo (8) -sete inicial-, Andrés Delgado (p.s.); Arkaitz Piriz (1), García Pichel (2), David Chapela (2), Víctor Rodríguez, Carlos García (10, 7 de penalti), Carlos Gerdhartd, Román Pedreira (2) e Samu Gómez.
BADA HUESCA (30): Pejanovic; Cabanas (3, 1 de penalti), Rochel (4), Eloy González (1), Oier (5), Dija (5, 1 de penalti), Marco Mira (1) -sete inicial-, Jorge Broto (p.s.); Doldán (2), Lafuente (1), Muguerza (3), Nolasco (1), Escribano, Víctor Sánchez (3, 1 de penalti), Montiel (1) e Garzo.
Árbitros: Carlos Luque Cabrejas e Ignacio Pascual Sánchez (Cataluña). Excluíron dous minutos a García Pichel, José Manuel Rial e Dani Hernández, polo Teucro, e a Cabanas, Eloy González (2), Muguerza, Dija e Marco Mira (2), polo Huesca.
Marcador (cada cinco minutos): 1-2, 6-6, 7-9, 11-12, 13-14, 14-16 (descanso), 17-20, 23-22, 25-24, 28-25, 31-27 e 33-30 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 400 espectadores.
Relacionadas:
-
Amérigo, Delgado, Piriz, Balenciaga e Carró deixan o Teucro; Dani Hernández, renovado
Por Alejandro Espiño |
-
O Teucro, a "regalarle una victoria a la afición" na súa despedida de Asobal
Por Diego Espiño |
-
O BM Guadalajara ameaza con denunciar o presidente do Teucro por pedir o seu descenso
Por Diego Espiño |
-
Primeiros pasos do Teucro na planificación da próxima tempada
Por Diego Espiño |
-
O Teucro agárrase á Asobal e esixirá o descenso do Guadalajara por unha débeda
Por Diego Espiño |
-
Final cruel para o Teucro, que consuma en Cangas o seu descenso (26-26)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |