Empate con sabor a derrota dun irregular Pontevedra (1-1) fronte a un ambicioso Céltiga
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Catro puntos de doce posibles nos últimos catro partidos. Os algarismos son de equipo que aspira á permanencia máis que dun serio aspirante ao ascenso. Esa é a triste realidade dun Pontevedra ao que só os esvaróns repetidos dos seus rivais mantiveran na zona alta. Pero con ser malos os números, peores son as sensacións, porque os granates seguen andando a tombos xornada a xornada, a mercé de calquera rival, por modesto que sexa, que simplemente lle poña un pouco de intensidade ás súas accións.
E ese foi exactamente o antídoto que aplicou un voluntarioso e ambicioso Céltiga para suplir a súa teórica inferioridade, conseguindo nivelar un partido que parecía levaba camiño de ser unha especie de paseo para os granates. Nivelar e mesmo inclinar en bastantes fases a balanza do lado local, ata rematar o partido encerrando na área a un Pontevedra co depósito nunha alarmante reserva física, e incapaz de crear o máis mínimo perigo ante a porta rival, ou de xerar o fútbol suficiente para desequilibrar un equipo que, paradoxos deste deporte, tiña como referente e xogador máis destacado a un home, Breogán, descartado por Milo Abelleira, que non lle deu nin un só minuto de xogo durante a súa estanza nas filas granates.
O Pontevedra xogou 30 minutos. Nese espazo é verdade que puido encarrilar o partido, pero a puntaría segue sendo un dos puntos débiles do cadro granate. Tubo recuperou a súa posición e con iso a súa mellor versión, pero tamén o seu peor defecto que non é outro que a dificultade que ten para encontrar a portaría rival.
Tubo estrelou un disparo no longueiro na primeira metade
Ata tres ocasións claras xeraron os pontevedreses. Na primeira Tubo encontrouse coa grande intervención de Vila, na segunda sería a travesa quen evitara o gol, e na terceira o disparo fóiselle rozando o poste. Mandaba o Pontevedra, si, pero o marcador seguía a cero. Ata que o Céltiga espertou. Non fixo perigo, pero os de Manolo Núñez empezaron a tapar a saída de balón na zona ancha e o Pontevedra atascouse.
Os comezos da segunda parte serviron para certificar o "apagamento" granate. O Céltiga fíxose dono do partido pero ao mesmo tempo deixou tamén a mostra do moito que lle custa xerar perigo. O Pontevedra, cun Santi Domínguez en alarmante estado de baixa forma, nin sequera chegaba á área. Entrou Javi Pazos e como adoita facer, nas súas primeiras accións alborotou o "galiñeiro". Froito dunha delas, cando mellor estaban os locais, chega o gol granate. O mozo dianteiro, escorado á banda esquerda, serve para que Moisés faga valer a súa calidade cun recorte sobre o central e unha definición plena de calidade.
Pouco durou a alegría. David Pérez reclamaba penalti por unhas supostas mans de Unai que o árbitro non considerou punibles, pero si sancionou o derrubamento de Adrián a Breogán. A falta foi clara, a dúbida é se dentro ou fóra da área. O asistente díxolle que dentro e o penalti o transformou con seguridade Janeiro.
Sen capacidade de reacción, o Pontevedra achegouse nun último intento, pero o remate de cabeza forzado de Javi Pazos remataría nas mans do meta local. Non sería xusto, visto o visto, que con tan pouco se puidese obter maior botín que un empate que sabe a gloria para o Céltiga, pero que claramente sabe a derrota para un Pontevedra gris e sen chispa.
CÿLTIGA, F.C. (1): Vila (1); Janeiro (2), Unai (1), Sombri (2), ÿscar Río (1); Beni (2), Jacinto (1); Rubén Cerqueiras (1), Breogán (2), Juanito (1); e Plevak (1).
Substitucións: Groba (1) por Rubén Cerqueiras, minuto 65. Berto (s.c.) por Juanito, minuto 80. Eugenio (s.c.) por Plevak, minuto 84.
PONTEVEDRA, C.F. (1): Lloves (1); Cristóbal Juncal (0), Yago Vázquez (1), Pablo (2), Adrián (1); Tubo (2), Caco (2), Moisés (2); David Pérez (1); Richi (1) e Santi Domínguez (0).
Substitucións: Javi Pazos (2) por Santi Domínguez, minuto 60. Iago Paz (s.c.) por Tubo, minuto 86. Nano (s.c.) por Cristóbal Juncal, minuto 86.
Árbitro: ÿscar López Fernández (A Coruña), auxiliado nas bandas por Yago Garitaonaindía e Ión Ánder Mundín. Amoestou a Beni, Rubén Cerqueiras, Breogán, Juanito, Cristóbal Juncal, Adrián e Santi Domínguez.
Goles: (0-1) Minuto 63: Pase de Javi Pazos a Moisés Pereiro que chegando de atrás salva a Unai e con habilidade dispara por raso ante a saída de Vila. (1-1) Minuto 70: Penalti por cambadela de Adrián a Breogán. Janeiro transforma enganando a Lloves.
Incidencias: Campo Salvador Otero (A Illa de Arousa). Ao redor de 400 espectadores.
VESTIARIOS:
Manolo Núñez: "Creo que o resultado foi xusto. A primeira media hora o Pontevedra foi moi superior"
MANOLO NÿÿEZ: O adestrador local estaba satisfeito co empate: "Creo que o resultado foi xusto. A primeira media hora o Pontevedra foi moi superior e puido marcar pero logo nós metémoslle unha marcha máis ao partido e conseguimos superalos. De todos os xeitos do que estou máis contento é da reacción dos meus xogadores despois de encaixar o gol. Eles teñen xogadores de moita calidade, como o demostrou Moisés na xogada do gol, pero creo que lles fixemos fronte e merecemos empatar".
Con respecto ao bo refacho que leva o seu equipo con tres vitorias consecutivas máis este empate, Núñez dixo: "A salvación segue estando complicada, pero agora vémola posible, porque antes deste refacho era pouco menos que unha utopía. Temos que seguir por este camiño, traballando con ganas en cada partido,".
MILO ABELLEIRA: A outra cara da moeda era o técnico granate: "Perdoamos na primeira parte e logo non fomos capaces de impoñernos. O Céltiga apertounos na saída do balón no centro do campo e custounos moito chegar, de feito só o fixemos no gol e outra que non rematou ben Javi Pazos, pero a clave estivo nesas ocasións que non acertamos ao principio, cando fomos superiores ao Céltiga,".
Con respecto ao aparente baixón físico que se nota no equipo nas rectas finais dos partidos, Milo comentou: "Non creo que sexa un problema físico. ÿ verdade que hai algúns xogadores que atravesan problemas e co paso dos minutos se nota, pero repito que tiñamos que ter resolto o partido antes para non lles dar a oportunidade de virse arriba".