Intratable o Rácing de Ferrol que goleou (0-5) a un voluntarioso Villalonga
Por Redacción
Intratable o Rácing de Ferrol. O líder pasou por San Pedro como unha auténtica apisoadora non dando a máis mínima opción para que o Villalonga soñase coa sorpresa. Os de Aira suman a súa quinta vitoria consecutiva, nun partido cómodo a pesar de que o conxunto local o intentou e non se rendeu nunca nin a pesar da contundencia do marcador.
Jorge Rodríguez e Pablo Rey abriron o camiño do triunfo racinguista no primeiro período, repetindo o mesmo Jorge Rodríguez nada máis comezar a segunda parte, co que o duelo quedaba sentenciado. Logo virían os goles de Chicho, cunha preciosa vaselina case dende medio campo, e de Héber, de penalti.
O Villalonga puido anotar o chamado tanto da honra no último minuto grazas a un penalti cometido por Rubén Comesaña sobre Uru, pero o lanzamento de Marc detívoo Marcos Valín.
VILLALONGA, C.F. (0): Roberto Pazos, Leo, Marc, Miguel, Tenorio, Nelo, Jorge Fernández, Saúl (Quini, min. 62), Fran Matos (Uru, min. 53), Machu (Javi Nogueira, min. 69) e Isma.
RÁCING DE FERROL (5): Marcos Valín, Comesaña, Antonio, Pérez, Sergio, Iván Forte, Dani Rodriguez, Marcos Álvarez (Jesús Varela, min. 77), Pablo Rey (Héber, min. 79), Jorge Rodriguez (Chicho, min. 62) e Manu Barreiro.
Árbitro: Héctor Castiñeira Blanco. Amoestou a Tenorio, Nelo, Fran Matos, Pérez e Iván Forte.
Goles: (0-1) Minuto 15: Jorge Rodriguez. (0-2) Minuto 33: Pablo Rey. (0-3) Minuto 47: Jorge Rodríguez. (0-4) Minuto 75: Chicho. (0-5) Minuto 84: Héber, de penalti.
Incidencias: Campo de San Pedro (Vilalonga). Uns 350 espectadores.