Catro goles de Jacobo en media hora abóndanlle ao Pontevedra para golear (5-0) a un débil Narón
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Jacobo en estado de graza e pouco máis de media hora. Foi o tempo que tardou o xogador granate en conseguir catro goles para o seu equipo deixando o resto do partido entre Pontevedra e Narón co único interrogante de coñecer os algarismos finais que rexistraría o marcador de Pasarón.
Certo é que o Narón xustificou de sobra a súa condición de último e case desafiuzado da categoría, pero tamén o é que este tipo de partidos foron nesta tempada os que tantas veces e tantos puntos lle custaron ao equipo de Milo Abelleira.
Nesta ocasión non houbo espazo nin posibilidade para a sorpresa. Cando o resultado é de tanta contundencia sempre dubídase se hai máis méritos dun ou deméritos do contrario. O exacto adoita estar a metade de camiño. O Pontevedra saíu en tromba e encontrouse cun rival inocente, con erros de principiante, especialmente na saída de balón e nos rexeitamentos, con graves desaxustes tácticos no centro dunha defensa que foi unha coaba todo o partido, e incapaz de tapar os buratos por onde unha e outra vez os locais recuperaban e creaban segundas e terceiras oportunidades, cando a primeira non remataba no interior da portaría visitante.
Jacobo foi o protagonista, partindo dende a posición de medio-centro en que o colocou Milo, pero a súa mellor virtude foi a mobilidade (ademais do acerto no disparo), aparecendo por todas as zonas do campo, e aproveitando os movementos de arrastre que realizaba Santi Domínguez para sacar de zona uns defensores centrais máis perdidos que un polbo nun garaxe. Iso unido ao traballo incansable na presión de Tubo e Richi, máis a orde na circulación que poñía Moisés, deu pronto os seus froitos.
Moi pronto o Pontevedra abría a lata. Facíao Jacobo, que avisara un minuto antes, enganchando unha volea frontal, nun mal rexeitamento defensivo. Pouco despois a Richi lle escaparíaselle o segundo. Non pasaba un minuto sen que houbese unha ocasión de gol local. O balón tiña dono e o Pontevedra sacaba tallada á presión avanzada para roubar e facer o segundo, de novo por medio de Jacobo.
A facilidade coa que o Pontevedra se movía sobre o terreo facilitaba tamén certa relaxación nalgunhas accións, pero a inocencia do rival deixaría sen castigo o único pecado da zaga granate, cando Carballeira se encontra só ante Llóves pero non acerta a definir. Sería o preludio da goleada. O Narón non era capaz de conter a avalancha e Jacobo seguía como un martelo implacable. En só dous minutos faría o terceiro e cuarto gol do equipo e da súa conta particular. Apenas pasara media hora de xogo. Suficiente para sentenciar un partido sen máis intriga que o número de goles que sería capaz de facer o cadro local.
Non foron moitos máis porque a segunda parte tivo a un Pontevedra que seguiu dominando, pero que se recreou demasiado na sorte e na súa superioridade, ademais de non estar tan inspirado no remate final. Aínda así ocasións sumaron os granates de sobra para obter unha goleada histórica. Santi Domínguez, Richi por dúas veces, Moisés e Tubo roldaron o gol en accións claras para marcar. Entre elas, e froito tanto da relaxación local como de que o Narón tirou de orgullo e casta, os visitantes aproveitaron para saír da súa parcela con tanto perigo coma inocencia no remate.
Pacheco volve xogar despois de máis de tres meses lesionado
Así o perigo roldou a meta granate con oportunidades para facer polo menos un gol, pero Carballeira, Diego e Pablo mostraron as súas carencias na finalización. Faltaba a guinda a unha tarde tan prácida como non se recorda outra en Pasarón. Púxoa Stefan culminando unha gran xogada de Cristóbal Juncal e Pacheco, que reaparecía tras máis de tres meses lesionado. Rematouse o "chairo". O Pontevedra terá que afrontar agora a fase decisiva da liga.
PONTEVEDRA, C.F. (5): Lloves (2); Cristóbal Juncal (2), Yago Vázquez (2), Pablo (3), Nano (2); Tubo (2), Moisés (2), Jacobo (3), David Pérez (2); Richi (2) e Santi Domínguez (2).
Substitucións: Iago Paz (1) por Nano, minuto 67. Stefan (1) por Santi Domínguez, minuto 71). Pacheco (1) por Jacobo, minuto 80.
NARÿN BALOMPÿ PIÿEIROS (0): Marcos Souto (2); Josito (1), Muíña (0), Justo (0), Álex Cabarcos (1); Martín (1); Diego (1), Cholo (1), Queijeiro (0), Pablo (1); e Carballeira (1).
Substitucións: Luis Coedo (1) por Queijeiro, minuto 32. Juanito (1) por Martín, minuto 56.
Árbitro: Formoso Doval (Ourense), auxiliado nas bandas por López Iglesias e Ucha Fernández. Amoestou a Justo.
Goles: (1-0) Minuto 6: Jacobo de volea dende a frontal da área, aproveitando un rexeitamento en curto de Muiña. (2-0) Minuto 21: Pase interceptado por Jacobo que se mete polo centro plantándose só ante Marcos Souto ao que bate con habilidade por raso. (3-0) Minuto 31: Deixada de David Pérez a Jacobo quen, dende a frontal da área empalma coa esquerda coando o balón xunto ao poste. (4-0) Minuto 33: Novo roubo de balón con pase de Santi Domínguez para a chegada de Jacobo polo carril central, con remate que entra pola escuadra. (5-0) Minuto 87: Boa combinación entre Cristóbal Juncal e Pacheco, que dende a liña de fondo centra atrasado para que Stefan cruce por raso.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Algo máis de 1.000 espectadores.
VESTIARIOS:
Luis Santiago: "O Pontevedra é enorme e para nós é un orgullo vir a xogar neste estadio
LUIS SANTIAGO: Malia a contundencia do resultado, o técnico visitante mostraba máis signo de resignación que de enfado: "O partido rompeu moi pronto. O Pontevedra é enorme e para nós é un orgullo vir a xogar neste estadio. O noso talón de aquiles foron eses rexeitamentos en curto que souberon aproveitar grazas á calidade dos seus xogadores".
De agradecer resultou a limpeza con que o Narón soubo asumir a derrota: "Intentamos xogar sen recorrer a ensuciar o partido. Quixemos xogar pero a diferenza marcouna a calidade entre uns e outros, especialmente a calidade na definición das ocasións. A nós cústanos moito facer gol".
MILO ABELLEIRA: Satisfeito e tranquilo. Non era para menos. A contundencia do marcador aseguráralle o adestrador granate unha tarde pracenteira: "Coa primeira parte que fixemos tivemos unha tarde tranquila, si, mesmo puidemos marcar máis goles, pero na segunda non estivemos tan acertados ante a portaría rival. Estamos moitos equipos moi igualados e teríanos gustado facer máis goles por se son necesarios en caso de empates, que nese aspecto non andamos moi ben, pero non foi posible".
Milo insistiu no xogo do seu equipo no primeiro período: "Non cometemos nin un só erro. Foi unha primeira parte case perfecta, tanto na presión coma no xogo e o remate. Jacobo estivo sensacional. Logo pecamos ás veces de xogar excesivamente horizontais en lugar de buscar máis a verticalidade para chegar antes, se o fixésemos poderiamos terlles causado máis dano e non dar opcións a algunhas saídas con perigo que tiveron".