Suso Morlán, operado en Brasil dun tumor cerebral
Por Diego Espiño
Suso Morlán permanece "estable" nun hospital de Río de Janeiro tras ser intervido cirurxicamente para extirparlle un tumor cerebral, segundo informou nun comunicado o Comité Olímpico Brasileiro (COB).
O adestrador pontevedrés, actual técnico da Selección Brasileira de piragüismo, empezou a notar síntomas o pasado mes de setembro, cando tras os Xogos Olímpicos pasou unhas semanas en Pontevedra, pero segundo fontes familiares achacou esas sensacións á tensión que supuxo a competición.
Xa de volta en Brasil, sufriu hai unha semana mareos e dores de cabeza, polo que se trasladou a un centro hospitalario en Belo Horizonte, onde unha resonancia magnética detectou a presenza dun tumor na base do cerebro.
A operación, levada a cabo polo neurocirurxián Paulo Niemeyer no Hospital Copa D'Or de Río de Janeiro, foi "moi ben", tal e como recoñecen na contorna familiar. Agora, os exames patolóxicos serán os que determinarán o tratamento a seguir por Morlán.
O pontevedrés, de 49 anos, foi peza crave nas cinco medallas olímpicas de David Cal, ao cal adestrou durante toda a súa traxectoria, dando o salto ao equipo brasileiro no último ciclo olímpico, que concluíu cuns resultados históricos para o piragüismo no país americano grazas ás tres medallas logradas por Isaquías Queiroz, dúas pratas e un bronce.