Un gol de Javi Pazos no desconto salva un punto ante o Celta B (2-2) para un Pontevedra que mereceu máis
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Dous tiros ao longueiro, outros dous remates salvados polos defensores celestes baixo paus, co seu porteiro batido. Parecía que unha vez máis se ía cumprir a máxima de que no fútbol o que perdoa acaba pagando coa derrota, e non obstante o Pontevedra obtivo no desconto, sobre a bucina, na última xogada do partido unha mínima recompensa ao seu esforzo, mellor xogo e perseveranza, co gol de Javi Pazos que facía xustiza, aínda que só a medias, a un equipo granate que se fixo acredor á vitoria.
Primeiro Jacobo e despois Javi Pazos. En dúas ocasións o Pontevedra tirou de oficio e bo xogo para arrincar un valioso empate en Barreiro fronte ao Celta B. Un partido que deixou unha moi boa imaxe dos homes de Milo Abelleira que, sen dúbida, mereceron moito máis. E iso que non era fácil asaltar Barreiro, ante un filial celeste que sumaba doce partidos consecutivos sen perder.
O Celta B adiantábase no minuto 24 de partido. Yago Vázquez cometía un claro penalti que transformaba Víctor Vázquez. Pero na segunda parte, o partido cambiou completamente. Un Pontevedra CF moito máis cómodo sobre o céspede que o seu rival, fíxose co dominio do centro do campo. Por iso é polo que non tardase en empatar o partido. Foi grazas a un gol de Jacobo no minuto 63.
Tiveron varias ocasións os granates para poñerse por diante no marcador. A máis clara, de Tubo, que estrelou un balón no longueiro tras un man a man co porteiro do Celta B. Pero cando máis acariñaba e merecía o Pontevedra o segundo gol, os celestes aproveitaban unha contra para poñer o 2-1. Facíao Borja no minuto 83.
Pero os homes de Milo Abelleira non baixaron os brazos. Sen renderse tralo gol do Celta B, seguiron buscando o empate. E vaia se o lograron. Un Javi Pazos, que apenas levaba 20 minutos sobre o céspede, marcaba o 2-2 cando pasaban tres minutos do tempo reglamentario. Un gol que facía xustiza, aínda que só a medias, ao visto sobre o céspede.
Antes deste abreviado resumo pasaran moitas cousas. Unha primeira media hora que non facía presaxiar nada bo para os granates. O Celta impoñía a súa teórica maior calidade na zona ancha. Ben conducido por un Levy que aparecía por calquera parte, o Pontevedra tiña un burato nas bandas e outro maior no seu tradicional talón de aquiles, a defensa das xogadas a balón parado. De aquí sacou tallada o equipo local, despois dun primeiro aviso tras saque de esquina que rematou só no segundo pau Aitor, respondendo Lloves, chegou un novo corner mal defendido e un remate de cabeza a pracer, desviado coa man por Yago Vázquez. Penalti claro e o Celta por diante.
Coma se xa fose tradición, o Pontevedra víase a remolque, e non obstante encontrou no rival a axuda que necesitaba. Os vigueses botáronse atrás intentando buscar a contra para sentenciar e o equipo visitante respirou. Fíxoo ata o descanso, para nada máis comezar a segunda parte mostrar unha cara ben distinta.
Cristóbal Juncal e Tubo estrelaron senllos remates no longueiro
Cos cambios o Pontevedra mellorou. As segundas xogadas que case sempre propiciaba un incansable Stefan, agora tiñan o acompañamento de Tubo, Richi e Jacobo. O Celta cedeu o balón e o campo inclinouse do lado visitante. Cristóbal Juncal estrela un lanzamento frontal de falta na travesa e o rexeitamento cáelle a Tubo, a dous metros do gol, por detrás apareceu Aitor que se interpuxo milagrosamente para o seu equipo e salvou baixo paus.
En só un minuto, o 63, o Pontevedra creara máis perigo que en todo o partido. E nese mesmo minuto obtivo o premio ao seu esforzo. Premendo arriba rouba a pelota. Stefan serve e Jacobo remata. Empate e o Celta tocado. Faltaba a puntillla e o Pontevedra quería máis.
Os defensores vigueses sacaron dous remates baixo paus co seu porteiro batido
Chegou o festival de ocasións. Entra Javi Pazos por un esgotado Stefan. A presión visitante e as ocasións sucédense. Richi tivo nas súas botas o 1-2, con Rubén Blanco batido, de novo a defensa, por medio de Soto, saca baixo paus un balón que se coaba. Era o minuto 74. Máis claro aínda o tería de novo Tubo, que recibe unha asistencia xenial de Javi Pazos, pero o seu disparo alto o repele a travesa (minuto 78). Aínda habería unha máis no monólogo granate en que se convertera o partido, pero Javi Pazos de cabeza, non acerta.
E chegou o que buscaba o Celta. Unha acción illada, unha boa xogada de Benja e un gran remate de Borja para facer o 2-1. Inxusto, pero real. Quedaban sete minutos. Outras veces esta mesma tempada o Pontevedra tería baixado a cabeza, pero o actual non. Algo cambiou para mellor no conxunto granate. Tirando de casta o equipo foise arriba a risco de recibir unha contra que sentenciase.
O gol de Javi Pazos fai xustiza pero só a medias a un Pontevedra que mereceu a vitoria
Con Yago Vázquez, sensacional toda a mañá, reconvertido en dianteiro, Javi Pazos ponlle un balón ao que non chega por milímetros a porta baleira. Era o minuto 90. Quedaban tres de engadido. Sobraron 20 segundos para que o esforzo granate obtivese unha merecida, aínda que escasa para os seus méritos, recompensa. O gol de Javi Pazos non é só un punto importante, é a confirmación de que, tras a remontada de Somozas e esta de Barreiro, o equipo, estes xogadores, merecen que se lles apoie e se confíe neles.
R.C. CELTA "B" (2): Rubén Blanco (2); Souto (2), Víctor Vázquez (2), Sergio Maestre (1), Kevin (1); Levy (2), Antón (1); Aitor (2), Rubén Martínez (2), David Añón (1); e Camochu (1).
Substitucións: Marcos Torres (1) por Kevin, minuto 54. Benja (1) por Aitor, minuto 65. Borja (s.c.) por David Añón, minuto 81.
PONTEVEDRA, C.F. (2): Lloves (2); Pacheco (1), Yago Vázquez (3), Pablo (2), Adrián (2); Moisés (1), Iago Paz (2); Cristóbal Juncal (1), Jacobo (3), Richi (2); e Stefan (3).
Substitucións: Tubo (2) por Pacheco, minuto 46. David Pérez (2) por Moisés, minuto 46. Javi Pazos (3) por Stefan, minuto 72.
Árbitro: Víctor García Villaverde (Ferrol), auxiliado nas bandas por Ricardo Landrove Lago e Francisco Pita Lorenzo. Amoestou a Soto, Levy, Adrián, Yago Vázquez e Tubo.
Goles: (1-0) Minuto 24: Penalti por mans de Yago Vázquez. Transforma Víctor Vázquez, poñendo o balón na escuadra a pesar de que Lloves adiviñou a dirección. (1-1) Minuto 63: Pase atrás de Stefan que Jacobo remata cruzado por raso. (2-1) Minuto 83: Centro de Benja que empalma dende a frontal, chegando dende atrás, Borja. (2-2) Minuto 92: Falta que colga Cristóbal Juncal. Prodúcese un balbordo na área local e Javi Pazos resolve de espora.
Incidencias: Campo de Barreiro (Vigo). Ao redor de 700 espectadores con nutrida presenza de seguidores visitantes.
VESTIARIOS:
MILO ABELLEIRA: Satisfeito polo rendemento dos seus xogadores, aínda que non tanto polo resultado, así estaba o técnico granate: "Estou de acordo que foron mellores as sensacións que o resultado, por iso estamos todos un pouco amoucados porque contra un rival como este, se non concedésemos esa primeira media hora, lle poderiamos ter feito máis dano como se viu na segunda parte, na que saímos querendo o balón e creando moito perigo,".
Milo lamentábase das ocasións desperdiciadas: "Antes dese gol a última hora tivemos ocasións para poñernos por diante e facer un 2-3 ou un 2-4. Penso que na segunda parte merecemos moito máis que só un punto. O mellor foi a reacción do equipo nunha semana que foi complicada para nós, polas lesións, estar sen cobrar os xogadores. Imos gozar deste punto, aínda que agora nos saiba a pouco, e ver se seguimos así, pero sen que teñamos necesidade de facer estas remontadas".
'Pichi' Lucas: "O Pontevedra na segunda parte estivo mellor ca nós"
'PICHI' LUCAS: O adestrador celeste non tiña reparos en recoñecer que o Pontevedra merecera puntuar: "Isto é fútbol. O Pontevedra na segunda parte estivo mellor ca nós, colleunos o medio campo, o fútbol directo fíxonos moito dano e de aí o resultado que eu creo que reflicte con xustiza o que pasou no terreo de xogo. Eles cos cambios gañaron en profundidade, metéronnos na nosa área, as segundas xogadas eran sempre deles e foron moito mellores. Non teño nin un só pero que opoñer ao resultado, tiveron dous ou tres oportunidades moi claras na segunda parte, perseveraron ata o final e obtiveron unha xusta recompensa".
O técnico vigués tampouco escatimou eloxios para o seu rival: "Eu ao Pontevedra véxolle un bo equipo. Xa o comentei mil veces, ten bos futbolistas, ten experiencia, faiche un fútbol que é moi complicado de neutralizar. A min particularmente é un equipo que sempre me gustou".