Gol de ouro de Mario Barco para tombar ao Lealtad (0-1) no último suspiro
Por Diego Espiño
Desde a defensa, con solidez, traballo e efectividade, a que achegou de novo un Mario Barco en estado de graza. Un gol do pichichi do equipo no minuto 87 decidiu un partido áspero, de moita pelexa e con apenas ocasións claras de gol para dar tres importantes puntos aos granates que lle consolidan na cuarta posición da táboa.
Era consciente Luisito que o partido nun campo como o do Lealtad plantexábase como unha batalla, e apostou de saída por unha defensa con tres centrais para, desde aí, tentar ir crecendo no encontro.
Non pasaba apuros o Pontevedra, pero tampouco chegaba o área contraria, polo que aos 25 minutos o técnico variou a súa idea e adiantou a posición de Álex Fernández. Deu un paso á fronte o equipo, que ao fío do descanso contou coa súa primeira oportunidade nunha acción individual de Añón que marchou desviada.
Pouca máis bagaxe ofensiva, á marxe dun disparo afastado de Muñiz para os asturianos, nunha primeira metade de tenteo. Con todo o choque cambiou na continuación. Aos 49 minutos entrou en xogo Barco, en substitución dun batallador pero impreciso Mateu Ferrer, e os granates empezaron a roldar máis o campo rival.
Un lanzamento afastado de Abel no 55 foi o achegamento máis perigoso neses minutos, ata que Adrián Llano gozou da ocasión máis clara dos locais en todo o partido. Plantouse ante Edu desde o costado dereito pero o gardameta pontevedrés salvou a acción.
Tamén a tivo o Pontevedra tras unha gran acción de Kevin desde a dereita, que deu un pase atrás ante a chegada de Álex Fernández para que o centrocampista, case desde o punto de penalti e en vantaxe, se atopase coa perna dun defensor despexando o seu disparo cando case se cantaba o gol.
Pasaban os minutos e o partido parecía destinado ao empate, ata que chegou o minuto 87 e Eneko, que levaba poucos minutos no céspede, puxo un bo centro desde o costado esquerdo que Mario Barco, con autoridade de 'killer', aproveitou para bater dun gran remate de cabeza a Javi Porrón.
Tras a aparición salvadora do ariete o equipo defendeuse con acerto nos últimos minutos, cunha única ocasión de David Grande xa no desconto que foi fóra por pouco. Ao final, vitoria e paso á fronte dun Pontevedra que deixou atrás definitivamente a súa mala serie de resultados para seguir soñando con xogar o play-off de ascenso.
CD LEALTAD: Javi Porrón, Omar, Keko Roza, Mendi, Alberto González, Álex Blanco, Jandrín (Robert Martínez, min.60), Adrián Llano, David Grande, Rubén Sánchez, Álvaro Muñiz (Valdo, min.86).
PONTEVEDRA CF: Edu, Miguel, Bonilla, Portela, Bruno, Kevin, Davis Añón (Mouriño, min.65), Álex Fernández, Mateu (Mario Barco, min.49), Abel, Álex González (Eneko, min.79).
Árbitros: Palencias Caballero, axudado nas bandas por Merino Sánchez e Sarasua Aranburu (País Vasco). Amoestaron a Mendi e Rubén Sánchez no Lealtad e a Mateu e Kevin no Pontevedra.
Goles: (0-1) Mario Barco, min.87.
Incidencias: Partido disputado no campo de Les Caleyes, en Villaviciosa.
Relacionadas:
-
Triunfo de triplo valor para o Pontevedra que supera ao Valladolid B (2-0) pero perde de novo a Mario Barco
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Con todo o plantel 'enchufado' para recibir ao Valladolid B
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, ante unha xornada clave
Por Diego Espiño |
-
Kevin Presa e Jacobo Millán, entre algodóns
Por Diego Espiño |
-
O Lealtad de Villaviciosa, pedra de toque da reacción granate
Por Diego Espiño |
-
Unha 'sesión vermú' amenizará a previa do partido entre Pontevedra e Valladolid B
Por Redacción |
-
Apoio do Pontevedra á campaña de mecenado para a investigación sobre a biopsia líquida
Por Redacción |
-
Con Mario Barco volven os goles a Pasarón e o Pontevedra remonta ante o Burgos (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |