Sorteados os cruzamentos da Copa de Campións de fútbol xuvenil que se xogará en Portonovo e Ribadumia
Por Redacción
O Real Club Náutico de Sanxenxo, localidade na que se montará o cuartel xeral dos equipos participantes, acolleu este martes o sorteo dos emparellamentos da Copa de Campións de Fútbol Xuvenil, competición que terá como sedes os campos de Baltar e A Senra o luns 1 de maio.
Será así nos cruzamentos de cuartos de final, con dous partidos por campo e que non coincidirán en horario para adaptarse ás esixencias da televisión.
En horario matinal o campo de Baltar, en Portonovo, xogaranse o Málaga-Barcelona e o Osasuna-Celta de Vigo, mentres pola tarde A Senra, en Ribadumia, será escenario dun rechamante Atlético de Madrid-Real Madrid e do Las Palmas-Villarreal.
Tras esta xornada a Copa de Campións trasladarase ata o Estadio Municipal do Couto, en Ourense, lugar escollido para as semifinais, o mércores 3 de maio, e a gran final do día 6 de maio, sábado.
Esta competición reúne aos sete equipos campións da División de Honra Xuvenil e ao mellor segundo de todos os grupos, pasando por ser o torneo por excelencia do calendario nacional da categoría. Non en balde por ela pasaron futbolistas agora profesionais da talle de Rafinha, Óliver Torres, Saúl Ñíguez, Deulofeu, Jesé ou Sergi Gómez, entre outros.
No acto de presentación, apadriñado polo seleccionador galego Míchel Salgado, participaron o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; o responsable do campionato por parte da RFEF, Casildo Caricol, e o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, ademais de representantes do Concello de Ribadumia, da Deputación de Ourense e da Secretaría Xeral para o Deporte.
Relacionadas:
-
Cheo na Senra e Baltar para gozar da Copa de Campións de fútbol xuvenil
Por Redacción |
-
Baltar e A Senra engalánanse para a Copa de Campións de fútbol xuvenil
Por Redacción |
-
Á venda as entradas para a Copa de Campións de fútbol xuvenil
Por Redacción |
-
Horarios confirmados para a Copa de Campións de fútbol xuvenil
Por Redacción |
-
Baltar e A Senra, confirmadas como sedes da Copa de Campións de fútbol xuvenil
Por Redacción |
-
RADIO.- As Rías Baixas acollerán xunto a Ourense a Copa de Campións de fútbol xuvenil
Por Diego Espiño |