O Pontevedra xa mira cara aos seus posibles rivais no play-off de ascenso
Por Diego Espiño
Sete anos despois do Pontevedra Club de Fútbol vivirá unha fase de ascenso á Segunda División, e equipo e cidade prepáranse para iso coa máxima ilusión.
O plantel granate, tras celebrar ao grande a clasificación o pasado sábado vencendo á Arandina, gañou un merecido descanso. Concretamente Luisito deu tres días de vacacións aos seus, ata o mércores, antes de empezar a preparar a conciencia un play-off no que non terán nada que perder.
Mentres tanto desde o club empezan a analizar xa aos posibles rivais na primeira eliminatoria para o ascenso, na que ao concluír na cuarta posición o Pontevedra xogará a ida en Pasarón (20 ou 21 de maio) e a volta a domicilio. Iso repetirase en cada unha das roldas que consiga avanzar o equipo.
Dous deses posibles rivais xa están definidos, independentemente do que suceda na última xornada da liga regular. Son o Toledo no Grupo II e o Alcoyano no Grupo III.
O Toledo pasa por ser un equipo fiable, de poucos goles (38 a favor) pero que rendibiliza ao máximo e que chega nun gran momento ao sumar cinco vitorias nos seus seis últimos partidos. Pola súa banda o Alcoyano, do mesmo xeito que os granates, chega ao final de liga con resultados irregulares (un triunfo nas últimas cinco xornadas).
Pola súa banda no Grupo IV son tres os equipos que aspiran á segunda posición, tendo en conta que o liderado é xa para La Hoya Lorca. Eses conxuntos son o Villanovense (66 puntos), o Real Murcia (64 puntos) e o Cartaxena (64 puntos).
En calquera caso non será ata o sorteo do próximo luns 15 de maio cando se coñeza o primeiro adversario dos granates, que aproveitarán a última xornada da liga regular ante o Caudal como un adestramento máis para chegar en óptimas condicións á cita.
De feito, a falta da reunión do Comité de Competición, perderanse o choque en Asturias Miguel Loureiro Bruno Rivada, que cumpren ciclo de amarelas, e previsiblemente para evitar sancións Álex Fernández, Añón y Abel Suárez, que se atopan 'en capela' a un cartón da suspensión, non participarán no último partido de liga. Se non existen sancións, o ciclo de amoestacións quedará sen efecto e comezará de cero para o play-off.
Relacionadas:
-
Intranscendente derrota do Pontevedra en Mieres (2-1) coa mente posta no play-off
Por Diego Espiño |
-
Mieres, banco de probas do Pontevedra pensando na fase de ascenso
Por Diego Espiño |
-
Capi lesiónase e periga a súa presenza no play-off
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Para lembrar as xestas do Pontevedra... 'primeiro hai que vivilas'
Por Redacción |
-
Billete para o play off. O Pontevedra permítese soñar ao impoñerse a unha "motivada" Arandina (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |