Día duro para Javi Gómez Noya en Yokohama
Por Diego Espiño
Mal día na oficina para Javi Gómez Noya na terceira cita das Series Mundiais de tríatlon que se disputaron este sábado na localidade xaponesa de Yokohama.
O pentacampión mundial, afectado dunha infección bucal que lle provocou febre durante a semana, e no medio dunhas esixentes condicións meteorolóxicas, só puido ser noveno na liña de meta nunha carreira na que se impuxo o mallorquino Mario Mola, que lle arrebata o liderado das Series Mundiais.
A choiva foi a gran protagonista da xornada, convertendo en perigoso un sector ciclista no que se viron varias caídas. Antes, na natación, Jonathan Brownlee dominara saíndo primeiro da auga aínda que con Gómez Noya preto. Mola e Fernando Alarza estaban nese momento a 21 e 27 segundos da cabeza.
Todos os grandes favoritos uníronse no grupo principal durante os 40 quilómetros de ciclismo, nos que o obxectivo pasaba por non caer. Non o logrou o británico Jonathan Brownlee, que se foi o chan na parte final do sector dicindo adeus ás súas opcións. Concluíu no posto 42.
Todo se ía a decidir nos 10 quilómetros de carreira a pé, e aí Mario Mola é un dos máis fortes e así o demostrou. Marcou un ritmo imposible de seguir polos seus rivais, que foron cedendo aos poucos.
Mola quedou só para chegar a meta nun tempo de 1 hora, 48 minutos e 15 segundo, mentres por detrás a pelexa era moi rifada entre o tamén español Fernando Alarza, que foi segundo (1:48:23), o noruegués Kristian Blummenfelt, gran sorpresa da xornada no terceiro posto (1:48:26), e o surafricano Henri Schoeman (1:48:29) que foi cuarto.
Un dos que pronto cedeu metros co liderado foi Gómez Noya, relegado a un terceiro grupo pero soubo sufrir para finalizar nunha meritoria novena praza (1:49:40) dadas as circunstancias.
Con este resultado Mario Mola pasa a liderar o Mundial con 2.064 puntos, con Fernando Alarza na segunda posición (2.058 puntos) e Javi Gómez Noya na terceira (1.862 puntos). A próxima carreira das Series Mundiais de tríatlon disputarase o domingo 11 de xuño na cidade inglesa de Leeds.
Relacionadas:
-
Gómez Noya agradece o apoio de Pontevedra: "É aquí onde estou a gusto"
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya afúndese no último quilómetro e acaba quinto en Hamburgo
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya retoma o pulso ás Series Mundiais en Hamburgo
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra, patrocinador de Javi Gómez Noya durante os dous próximos anos
Por Diego Espiño |
-
Javi Gómez Noya regresa ás Series Mundiais en Yokohama
Por Redacción |
-
A distancia sprint resísteselle a Gómez Noya, cuarto en Gold Coast
Por Diego Espiño |
-
Regreso soñado de Gómez Noya ás Series Mundiais, con vitoria en Abu Dhabi
Por Diego Espiño |