Prata e mínima mundialista para Bea Gómez Cortés na primeira xornada do Campionato de España
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Bea Gómez Cortés estará o próximo xullo no Mundial de Barcelona despois de protagonizar unha espectacular serie dos 800 metros libres na primeira xornada do Campionato de España Open.
A nadadora do Galaico conseguiu a medalla de prata na piscina de Ponte Muiños cun rexistro de 8:26:54, novo récord galego e sete segundos mellor que a súa anterior marca persoal, quedando moi preto da grande estrela da natación española, Mireia Belmonte, que se adxudicou a proba cun tempo de 8:24:89. Terceira foi Erika Villaécija.
"Aún por encima bajé siete segundos de la marca de hace dos semanas, no me lo creo todavía"
Apoiada polo público que abarrotaba o Complexo Rías do Sur Bea logrou a mínima mundialista deixando fóra de Barcelona a nadadoras do talle da mesma Villaécija ou Melanie Costa, "este 800 tenía mucho nivel, éramos seis que íbamos a muerte a por la mínima y sólo entraban dos, había tensión, y estoy orgullosa de haber sido capaz de responder bien a esa tensión y esos nervios y haberlo hecho tan bien, aún por encima bajé siete segundos de la marca de hace dos semanas, no me lo creo todavía".
Co primeiro obxectivo no peto, a pontevedresa non descarta dar máis sorpresas nos tres días de competición que restan de Open, "ya tengo la seguridad de una mímina, ahora con más confianza a ver si puedo conseguir algo más".
Pola súa banda Mireia Belmonte, ademais de nos 800 libres, tamén se proclamou campioa de España nos 200 bolboreta con 2:06:07, conseguindo mínima para Barcelona nas dúas probas. En total foron cinco as mínimas conseguidas na primeira xornada: as dúas de Mireia, a de Bea Gómez e as de Judit Ignacio en 200 bolboreta e Marc Sánchez nos 1500 libres.
Xenia Vilariño, finalista en 200 bolboreta
No resto da participación local destacou a final lograda por Xenia Vilariño, agora no Club Natación Mataró, que finalizou oitava nos 200 bolboreta cun tempo de 2:21:30, "estaba un poco agarrotada, me sentí mejor por la mañana, podía haber bajado mi marca pero estoy contenta porque no es una de mis pruebas principales".
Tamén competiron no primeiro día as integrantes do Galaico Nerea Rodiño, novena na súa serie dos 50 libres con 28:00 e segunda na súa quenda dos 800 libres ao parar o crono en 9:03:99, e Iria García, que na mesma serie quedou terceira con 9:10:08. Ambas as dúas quedaron fóra dos postos de finalista.
Relacionadas:
-
Bea Gómez pon a guinda ao Open de Natación cun bronce e a súa terceira mínima para o Mundial
Por Diego Espiño |
-
Dous récords de España e catro mínimas mundialistas na terceira xornada do Open de Natación
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Só Mireia pode con Bea Gómez, nova prata e mínima coa quinta mellor marca mundial do ano en 400 estilos
Por Diego Espiño |
-
Ponte Muiños, epicentro da natación nacional por catro días
Por Diego Espiño |
-
Chega o Open de Natación con Mireia Belmonte, Rafa Muñoz, Bea Gómez... que probas deberías ver?
Por Diego Espiño |