O TSXG confirma a sentenza que condena o Pontevedra a pagar a Milo Abelleira máis de 135.000 euros
Por Ramiro Espiño
Duro revés xudicial para o Pontevedra CF, que viu como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de desestimar na súa totalidade o recurso de suplicación que presentara o club granate contra a sentenza do Xulgado do Social número 4 de Pontevedra, na que se condenaba á entidade granate a pagar máis de 135.000 euros ao ex-adestrador Milo Abelleira.
A Sala do social do Tribunal Superior confirma o fallo en todos os seus termos, o que obriga ao Pontevedra a abonar 135.830,26 euros ao seu antigo adestrador e director deportivo, cantidade á que hai que sumarlle o 10% en concepto de intereses.
Ademais, na resolución do recurso, imponse tamén ao Pontevedra o abono das costas procesuais causadas, que se fixan noutros 1.000 euros, remitindo certificación da sentenza á Inspección Provincial de Traballo e á Axencia Tributaria de Pontevedra.
O Pontevedra dispón agora de dez días hábiles para, se o estima oportuno, presentar recurso de casación contra este fallo do TSXG.
Cabe lembrar que, por mor de ser pública a primeira sentenza condenatoria, o Pontevedra CF anunciou a presentación dunha denuncia por estafa contra o propio Milo Abelleira e contra o expresidente José Manuel Fernández, que foi admitida a trámite polos xulgados de Instrución de Pontevedra, os cales a declararon causa criminal complexa, estando pendente de resolución.