Seis partidos confirmados para a pretempada teucrista
Por Redacción
Á espera de que se celebre o sorteo de calendario na Liga Asobal, o recentemente bautizado Condes de Albarei Teucro confirmou cal será o seu camiño preparatorio durante a pretempada.
A intención de Quique Domínguez é poder disputar ata nove encontros, aínda que iso queda supeditado ao desenvolvemento da Copa Galicia.
Polo momento só un deles xogarase no Pavillón Municipal dos Deportes, servindo de presentación oficial do equipo ante a súa afección. Será o encontro do 19 de agosto ante un rival habitual no período estival, o ABC Braga portugués.
O Teucro arrincará os adestramentos o vindeiro xoves 27 de xullo, afrontando desde ese momento o plantel unha fase de preparación físico e táctica que incluirá dobres sesións co obxectivo de chegar en plena forma ao comezo da competición oficial.
O primeiro dos choques amigables non chegará ata o día 10 de agosto. Será no Porriño ante o Xico Andebol da Primeira División Portuguesa.
Dous días despois, en Tui, o rival será o Augas Santas tamén da liga lusa, mentres o mércores 16 o Teucro renderá visita ao actual campión da Taça portuguesa, o ABC Braga, nun choque de ida e volta que terá a súa segunda para no Municipal o citado 19 de agosto.
Tras eses amigables os de Quique Domínguez viaxarán o 25 de agosto ao Rosal para participar nun torneo no que figuran rivais como o Mecalia Atlético Novás, FC Porto e Frigoríficos do Morrazo. Os azuis enfrontaranse ao Porto o día 25 e o sábado 26, en función do resultado, xogarán a final ou o partido polo terceiro e cuarto posto ante Novás ou Cangas.
A pretempada dos pontevedreses completarase coa súa participación na Copa Galicia, cuns cuartos de final aínda por fixar e no caso de pasar unha fase final que se disputaría os días 2 e 3 de setembro nunha sede aínda por definir.
Relacionadas:
-
Os laterais da SD Teucro refórzanse con Yoan Balázquez e Bruno de Castro
Por Alejandro Espiño |
-
Condes de Albarei-Teucro, nova denominación do equipo tras asinar un "importante" acordo de patrocinio
Por Diego Espiño |
-
Asobal dá o OK á documentación presentada polo Teucro para competir na máxima categoría
Por Diego Espiño |
-
Edu Moledo renova por unha tempada co Teucro
Por Redacción |
-
Chegar aos 2.000 socios, obxectivo do Teucro nunha ambiciosa campaña de abonados
Por Diego Espiño |