Cara onde mira un xogador de balonmán cando lanza un penalti?
Coñecer como se comporta, visual e xestualmente, un lanzador de penaltis no balonmán. É o obxectivo dunha investigación da Universidade de Vigo que, este xoves, contou coa colaboración de varios xogadores da SD Teucro como suxeitos de probas.
O estudo, no que tamén colaboran investigadores da Universidad de Castilla-La Mancha, busca explorar que estratexias de busca visual e de percepción utilizan os lanzadores de balonmán nestas situacións, segundo explica Jorge Viaño Santasmarinas, titular da materia de balonmán na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Para iso, os investigadores utilizan unha tecnoloxía de seguimento ocular. Cada xogador do Teucro colocou unhas lentes que, tras ser calibradas, "permiten rexistrar en que zonas da escena que se está producindo está a fixarse o xogador que lanza ou onde mira máis tempo", segundo o docente da facultade pontevedresa.
Con esa información, este estudo pretende "ver se somos capaces de averiguar que proceso de toma de decisión está a seguir o lanzador" e, sobre todo, se esta decisión está relacionada coa percepción visual, é dicir, "se se fixa máis na zona na que vai lanzar ou se percibe onde está o porteiro para despistalo", entre outras cuestións.
Jorge Viaño asegura que en fútbol existe un estudo similar "pero as situacións son diferentes" porque en balonmán o porteiro "pódese mover todo o que queira", polo que a reacción do lanzador cambia. Con este método, engade, recréase unha situación "case real" que permitirá extraer importantes conclusións.
Así, os investigadores entenden que para os adestramentos dun equipo de balonmán "poderase facer unha mellor planificación dos lanzamentos", xa que os datos permitirán comparar aos especialistas neste tipo de xogadas cos que non o son "e sacar implicacións prácticas" que cambiarán a preparación deportiva.
A colaboración desinteresada da SD Teucro permitirá que o club pontevedrés acceda a toda esta información "antes que ninguén".
Ata que se publiquen os resultados desta investigación, segundo Viaño, "pode pasar moito tempo" e, grazas á súa participación, o Teucro "poderase adiantar un ano ou máis" ao resto dos profesionais que queiran acceder ao estudo.
Este estudo está dirixido polo grupo Remoss da Universidade de Vigo, que ten a Roberto Barcala Furelos como investigador principal. Ademais de Jorge Viaño, participan tamén Iván González García e a investigadora manchega Nieves Sáez.
Relacionadas:
-
Dobre derrota do Teucro no Rosal no test máis serio da pretempada
Por Redacción |
-
O Teucro preséntase ante a súa afección cunha vitoria para o optimismo (33-31)
Por Redacción |
-
O Teucro perde en Braga no seu terceiro amigable da pretempada
Por Redacción |
-
O arxentino Andrés Moyano, último reforzo do Teucro no seu regreso a Asobal
Por Alejandro Espiño |
-
Zamora, primeiro rival do Teucro nunha Liga Asobal que arrancará o 9 de setembro
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Os laterais da SD Teucro refórzanse con Yoan Balázquez e Bruno de Castro
Por Alejandro Espiño |
-
Giuseppe Colasuonno, un pivote italiano no que o Teucro depositou "moitas esperanzas"
Por Alejandro Espiño |