Problemas de espazo condicionan o uso do CGTD por parte de Cisne, Arxil e Voleibol Pontevedra
Por Diego Espiño
A falta de pavillóns na cidade adaptados ás esixencias das ligas senior federadas viuse agravada nas últimas semanas polos plans do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o seu pavillón, no que habitualmente adestran e xogan o Club Cisne Balonmán, Club Baloncesto Arxil e Voleibol Pontevedra.
A Secretaría Xeral para o Deporte, da que depende o CGTD, debe instalar este curso ata sete pistas de bádminton de última xeración cedidas polo Consello Superior de Deportes para o seu programa de tecnificación, debido a un convenio subscrito coa Federación Española de Bádminton. Isto supón a ocupación do espazo de xogo do pavillón para os adestramentos dos deportistas bolseiros no centro.
O problema chega pola dificultade de instalar e desinstalar esta superficie, xa que é necesaria unha hora para cada unha das tarefas.
"No nos es viable montar y desmontar todos los días", recoñeceu a PontevedraViva o director do CGTD, Suso López, debido a que sería necesario contar con máis persoal para asumir ese traballo. A pesar diso o máximo responsable do centro de tecnificación comprometeuse cos clubs para deixar a pista libre cada venres e volver ocupala os luns, para así non dificultar o desenvolvemento das competicións regulares.
Outro cantar son os adestramentos dos equipos, aos que se lles permitirá usar o pavillón do antigo Estadio da Xunventude a condición de que asuman o desmonte e montaxe das citadas pistas de bádminton e cun horario reducido, non antes das 20:00 horas. Isto sucedería unha vez de comezo o curso académico, a partir do 15 de setembro.
"En este momento no tenemos otra opción que jugar y entrenar ahí", explica resignado Lino Vázquez, directivo do Arxil, cuxo equipo de Liga Feminina 2 ten homologada a cancha de xogo do CGTD ante a Federación Española.
"Está claro que tenemos un problema", completa Santiago Picallo, presidente do Cisne, entidade afectada tamén cos seus equipos de base.
Aínda que os primeiros contactos producíronse a principios de verán, non foi ata o 22 de agosto cando se produciu a notificación oficial dos plans da Secretaría Xeral para o Deporte. Desde entón para tentar solucionar a situación o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ademais de comunicar a súa decisión aos clubs, trasladoulla ao Concello de Pontevedra na busca dunha solución de consenso, tendo en conta que o problema de horas e espazo nos pavillóns da cidade non se solucionará ata a construción do proxectado pavillón da Parda e verase agravado nos próximos meses coas obras de reforma do Multiusos da Xunqueira.
Por outra banda, á marxe dos contactos entre a propia concellería de Deportes e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, os tres clubs implicados reuniranse este mércores para tratar o asunto e negociar a mellor maneira de afrontalo, que podería pasar pola contratación dun ou dous operarios que asuman os traballos de retirar e colocar as pistas mentres dure a tempada deportiva que está a piques de comezar.
Relacionadas:
-
Inicio de curso para as promesas do deporte galego
Por Diego Espiño |
-
Acordo coa Secretaría Xeral para que Cisne, Arxil e Voleibol Pontevedra poidan usar o CGTD
Por Diego Espiño |
-
O Concello solicita que Arxil, Cisne e Voleibol Pontevedra poidan usar tres anos máis o CGTD para os seus partidos
Por Diego Espiño |
-
O Teucro leva o derbi ante o Cisne (31-28) para pasar á final da Copa Galicia
Por Redacción |
-
O Arxil ponse en marcha co xusto
Por Redacción |
-
Haberá derbi pontevedrés nas semifinais da Copa Galicia de balonmán
Por Redacción |
-
Lores sobre o complexo deportivo da Parda: "gustaríame que estea rematado en 2019"
Por Diego Espiño |
-
O complexo da Parda promete ser, segundo o Concello, unha "revolución" deportiva e arquitectónica
Por Alejandro Espiño |
-
Feijóo anuncia que a Xunta está disposta a colaborar no financiamento dun novo pavillón de ximnasia
Por Oskar Viéitez |