O Pontevedra entra en "depresión profunda" sufrindo en Cerceda a súa cuarta derrota consecutiva (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Así non. E van catro, tres delas fronte a equipos recentemente ascendidos. O Cerceda derrotou ao Pontevedra con moi pouco, pero menos fixeron os de Luisito, incapaces de xerar xogo suficiente nin culminar as súas ocasións, e carentes da intensidade que non fai moito era signo de identidade do equipo. Un agasallo defensivo de parvuliños permitiu a Pedrosa deixar os puntos no Roxo, nun partido equilibrado, con máis ocasións granates, pero malo e precupante para o afeccionado granate.
Máis ambicioso saíu o Pontevedra, querendo dominar a zona ancha con Adrián León como pivote por diante da defensa, mentres o Cerceda esperaba atrás a oportunidade dalgunha contra, cunha proposta futbolística arcaica baseada en balóns directos aos puntas, coa esperanza dalgunha segunda xogada, accións nas que tamén, por certo, caeu máis do debido o Pontevedra, ao non ser capaz de construír nin enlazar con Etxániz ou Mouriño.
Deste xeito, as ocasións escasearon. A máis clara dos visitantes chegaba pronto, nun centro de Jimmy con remate de Mouriño, alto (minuto 7). O Cerceda unha falta na frontal (minuto 23), consecuencia dunha imprudencia de Goldar que ademais lle custou o cartón, un oportuno cruzamento ao chan de Miguel Ángel para taponar un disparo de Juanmi, e pare vostede de contar.
Pero superada a media hora de partido os locais empezaron a crecer. Se ata entón apenas pisaron terreo granate, cambiou o vento e foi o Pontevedra quen non se achegaba pola área branquivermella, mentres a zaga visitante, especialmente Goldar, sufrían para frear a Luáriz.
Con todo, de novo sería o Pontevedra quen dispuxese da mellor ocasión (minuto 39), e de novo os de Luisito estreláronse contra a madeira e a súa dificultade para transformar as oportunidades creadas. Foi por mor dun corner lanzado por Prosi que Añón rematou no segundo pau, só, mandando o balón ao poste, con Magu batido.
Se mala fora a primeira parte, non foi mellor o comezo da segunda. Iso si, o Pontevedra recuperou o control do balón e o dominio territorial, pero non lle serviu para xerar perigo claro. Os granates seguían baseando o seu xogo na solidez dun gran Adrián León, as ganas de David Añón e a intermitencia de Prosi.
A medida que pasaban os minutos sen unha soa acción destacada, parecía claro que o partido só podería resolverse nunha acción illada, un erro, ou grazas á calidade individual dalgún xogador. Os locais non saían da súa parcela e o Pontevedra seguía dando sensacións de equipo pouco traballado e, cousa rara nos onces de Luisito, absolutamente carente de intensidade no seu xogo.
E precisamente aí radicou a clave. Esa falta de intensidade defensiva, incomprensible nesta categoría, permitiu a Pedrosa perder o balón por dúas veces e recuperalo outras tantas para plantarse ante Edu e batelo cun disparo raso e cruzado, na primeira vez que os de Tito Ramallo pisaban a área granate.
Pouco antes, Luisito retirara a David Añón, que se marchou con clara cara de poucos amigos e con razón, por canto estaba a ser o home máis activo no ataque visitante. Logo debutaría Iván Martín, para tentar a heroica, con Marcos Álvarez e Álex González pegados ás bandas. Nada deu resultado. Álex González e Jimmy puideron empatar pero tampouco acertaron, co que a depresión granate fíxose maior e o equipo encaixaba a súa cuarta derrota consecutiva noutros tantos partidos oficiais, tres deles fronte a conxuntos recentemente ascendidos, para situarse como pechacancelas e acender todas as alarmas e máis dúbidas aínda sobre o seu futuro ligueiro.
CCCD CERCEDA (1): Magu; Soto, Juanmi, Armando, Uxío, Agulló, Áxel, Claudio, Luáriz (Javi Martínez, minuto 87), Hugo Rama (Kike, minuto 69) e Dani Ponce (Pedrosa, minuto 57).
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Miguel Ángel, Jimmy, David Goldar, Bruno, Adrián León, Mouriño (Marcos Álvarez, minuto 63), Kevin Presa, Etxániz, Prosi (Iván Martín, minuto 78) e David Añón (Álex González, minuto 72).
Árbitro: Leandro Carbajales Gómez (Asturias), auxiliado nas bandas por Daniel Novoa Hernández e Miguel González Díaz. Amoestou a Uxío, Juanmi e Hugo Rama, no Cerceda, e a Goldar, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 77: Pedrosa.
Incidencias: Campo Municipal O Roxo (Cerceda). Uns 300 espectadores.
Relacionadas:
-
Fuenlabrada, un rival de nivel para buscar o primeiro triunfo do curso
Por Diego Espiño |
-
Desconto fatal para un Pontevedra que deixa escapar a vitoria sobre o Toledo na última xogada (3-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Con todo o plantel dispoñible para remontar o voo ante o Toledo
Por Diego Espiño |
-
Jesús Berrocal, preparado para debutar ante o Toledo
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
RADIO.- Roberto Feans transmite "tranquilidad y optimismo" á afección pese ao mal inicio de liga
Por Redacción |
-
Reacción obrigada no terceiro derbi da tempada
Por Diego Espiño |
-
A Gimnástica Segoviana apea da Copa pola vía rápida a un Pontevedra de chiste (2-0)
Por Redacción |
-
Repite erros e decepciona o Pontevedra superado por un excelente Rápido de Bouzas (1-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |