O Feel Cortegada conquista a súa terceira Copa Galicia tras derrotar ó Ensino nun encontro vibrante
Por Ramón Estévez
O partido que Durán Maquinaria Ensino e Feel Cortegada ofreceron ós seareiros que se desplazaron ata Ferrol para asistir á final da XX Edición da Copa Galicia de baloncesto feminino non foi apto para cardíacos e se resolveu por una estreita marxe de 2 puntos a prol das de Vilagarcía (78-80).
Ninguén podía presaxiar tralo acontecido nos dous primeiros cuartos que o encontro remataría cun final tan igualado polo demostrado por ambos equipos. Unha saída en tromba do Feel Cortegada tanto en defensa como en ataque, catapultaba ás de Pepe Vázquez a un esperanzador 12-26. A defensa e o acerto en ataque foron as claves dun cuarto que obrigaba a Ensino a remar contracorrente. Andrea Ríos e Amy Syll dominaban a zona ante a mellor arma das de Lugo, o xogo interior. Aínda que xa comezaran no primeiro, o segundo cuarto tivo ós árbitros como protagonistas xa que nos primeiros 20 minutos pitaron innumerables faltas que facían que ambos equipos visitaran con asiduidade a liña de tiros libres e que as defensas se relaxaran. Así, Ensino comezou a defender en zona e anotar con fluidez, sobre todo en posicións cercanas ó aro, onde xogadoras como Matoso (22) ou Calvelo (13) facían moito dano. Ademais, Pepe Vázquez vía como Lucía Méndez cometía a terceira falta persoal, que a mandaba ó banco no ecuador do cuarto. De todas formas, o Feel Cortegada non perdeu a cara ó encontro e seguiu por riba no marcador (40-48).
No terceiro cuarto mantívose a tónica e ós arreones do Ensino contestaban as de Vilagarcía, polo que só puideron recurtar un punto (58-65) con 10 apaixoantes minutos por xogar. Foi a cuarta entrega do encontro a que se convertiu nunha película de suspense. Ensino, incansable no seu traballo por remontar, rematou por logralo a falta de 3 minutos e medio para o remate. Pola súa banda, o Feel Cortegada, se ten algo bo é que nunca da un partido por perdido nin baixa os brazos, así que tres xenialidades das súas xogadoras decantaron o final do encontro. Primeiro, una gran canastra de Ilenia Manzanares tras tempo morto para preparar una xogada con 3 segundos no reloxo de posesión, una tripla frontal de Montse Gilabert cun punto abaixo que puña o 75-77 no marcador e outra lateral de Salomé García, a quen non se lle encolleu o brazo e anotou un tiro de tres puntos que vale una Copa Galicia. Así o 77-80 campeaba no marcador, e só quedou tempo para que Claudia Calvelo anotara un tiro libre, fallara o segundo e o balón, como case sempre, rematou nas mans de Ilenia Manzanares, que foi obxeto de falta. O partido morreu no saque de banda posterior, nas mans de Montse, e nese intre comezou a celebración dun título que calquera dos dous equipos puido gañar.
Ilenia Manzanares foi designada como MVP da copa Galicia. Se contra o Universitario de Ferrol foise ata os 28 puntos de valoración, na final anotou 14 puntos, recolleu 12 rebotes e recibiu 10 faltas persoais.
Ficha técnica:
Durán Maquinaria Ensino: 78 (12+28+18+20): Hospido (3), Matoso (22), Méndez (17), García (13) e Calvelo (13) cinco inicial: Montero (2), Fernández, Cuíña, Lema (8), Varela e Marli.
Feel Cortegada: 80 (26+22+17+15): Montse Gilabert (10), Salomé García (10), Ilenia Manzanares (14), Lucía Méndez (4) e Andrea Ríos (8) cinco inicial: Onaissa Sbahy, María España (12) e Amy Syll (22).
Árbitros: Godoy e Gallego. Sinalaron 25 faltas persoais a cada equipo. A lucense Ana Hospido foi eliminada.
Incidencias: Final da XX copa Galicia desputada no pavillón de Esteiro (Ferrol) cunha notable presencia de seareiros do Feel Cortegada.