Rafael Fuentes, atleta da Gimnástica, vence con claridade na III edición da carreira Pinga Pinga
Por Alejandro Espiño
Era o gran favorito e non defraudou as expectativas. Rafael Fontes impúxose con claridade na III edición da carreira Pinga-Pinga, celebrada en San Tomé de Piñeiro (Marín). Fíxoo cun tempo de 22:50. Acompañáronlle no podio José Antonio Requejo, do Club Atletismo Murcia, que finalizou a 32 segundos e Hugo Loureiro, do Ourense At. Academia Postal, que completou os sete quilómetros da proba a 1:14 do ganador.
O atleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra parece ter tomada a medida a esta proba. ÿ a súa segunda vitoria en Marín e o ano pasado foi terceiro. Xa desde o inicio da carreira, que saíu do campo de fútbol Chan de Piñeiro, Rafael Fontes situouse nos primeiros postos. Controlaba a carreira, pero sen impoñer un forte ritmo.
Como o mesmo recoñecía ao terminar, "saín con medo na primeira volta, pero funme atopando". E é que o atleta de Poio apenas adestrara esta semana debido a unhas molestias nos xemelos. Aínda así só José Antonio Requejo, do Club de Atletismo Murcia, parecía seguirlle o ronsel. Pero na segunda volta "empecei a tirar, a impoñer o meu ritmo e foi cando me marchei só", gañando a carreira con bastante claridade.
"Para mí esta semana ha sido muy dura, he hecho lo que he podido", aseguraba José Antonio Requejo tras acabar segundo. O atleta burgalés, internacional coa selección española de 100 quilómetros, está afeito a distancias moito máis longas e esixentes, e recoñecía que "he hecho de más". Neste tipo de carreiras, dixo, "necesitas unha forza incrible para subir estas costas e non tanto resistencia". E rendeuse ante o ganador, "Rafael es un hombre muy bueno, muy potente y si se le quiere meter mano, hay que estar al cien por cien".
Pola súa banda, na categoría feminina a vitoria foi para Águeda Blanco, do Comesaña Sporting Club. Acabou a carreira cun tempo de 27:04. Xunto a ela, completaron o podio dúas corredoras do Ourense At. Academia Postal, Leticia Fernández e a estradense Isabel Sáez, que finalizaron a 14 segundos e 2:02 da ganadora, respectivamente.
"La primera vuelta fue demasiado rápida. Leticia y yo íbamos corriendo a un ritmo muy fuerte, pero luego me despegué un poquito de ella y lo llevé con más calma", explicou Águeda Blanco ao término da proba, destacando ademais a dureza do circuíto. "La carrera se me hizo un poquito dura, es la primera vez que la corro, ya venía avisada de que era mucho subir y bajar, pero no contaba con que fuese tan dura".
Esta terceira edición da Pinga Pinga sufriu a competencia da proba "Vigo+11", que convocou a máis de 1.000 participantes, restando afluencia á carreira marinense. Aínda así, o balance é moi positivo. "Estamos moi satisfeitos, porque ano tras ano se vai consolidando a proba e saiu todo á perfección", explicou Diego González, presidente do Club Pinarium, organizador da proba. En total, 700 atletas, entre categorías inferiores e absoluta participaron nela.