Pintos estrea o Campionato de España de Deportes de Inercia
Por Diego Espiño
A emoción e a espectacularidade das carrilanas chega a Marcón e faio ao grande, coa primeira edición do Campionato de España de Deportes de Inercia.
Preto de 60 pilotos inscribíronse xa na competición que terá lugar esta fin de semana, o sábado 30 de setembro e o domingo 1 de outubro, na estrada de Pintos.
Desde o polígono do Campiño, os participantes afrontarán 2,2 quilómetros de baixada nunha "carreira que ten unha parte técnica e outra de desenvolvemento do carro", explicou Alfonso Silveira, representante da organización.
En todo caso ata unha hora antes do seu inicio será posible inscribirse nas diferentes categorías, ata nove, en función do vehículo. Ademais das estruturas de competición, con ou sen pneumáticos, poderanse seguir as evolucións dos participantes na categoría libre, os feitos artesanalmente a nivel doméstico que "para min é a categoría máis divertida", recoñeceu Silveira.
A actividade arrincará ás 15:00 horas do sábado cos adestramentos, mentres as dúas mangas oficiais cronometradas disputaranse desde as 10:00 horas do domingo.
A intención dos organizadores, dada a "boa acollida" que aseguran estar a ter en Pintos, é poder seguir organizando no futuro esta proba deportiva.