Unha ilusión 'mundial' para o Club Treboada de ximnasia
Por Redacción
A capital de Bulgaria, Sofía, será escenario entre os días 13 e 20 de novembro do Campionato do Mundo de Ximnasia Trampolín, e alí estará representado o Club Treboada pontevedrés.
A clasificación de Ernesto Baltar, de só 11 anos, para a cita internacional supón un motivo de orgullo para un club que vén de participar con cinco deportistas no Nacional celebrado en Valladolid.
Baltar foi segundo no Campionato de España na modalidade de tumbling, dentro da súa categoría, e agora atópase "moi ilusionado" ante o novo reto que se lle presenta, asegura o seu adestrador Adrián Paz. Por iso adestra ata seis días á semana para tentar chegar cun bo nivel á cita mundialista.
Os resultados do Treboada no Nacional "non foron do todo bos", asegura Paz, para uns deportistas que "son case todos campións galegos", pero non esconden o enorme traballo nos adestramentos de deportistas como Enrique Pérez, Ainara Rial, Yago Somoza e o propio Adrián Paz.
En canto a Ernesto Baltar, participará no Mundial de Bulgaria representando á Selección Española que dirixirá o pontevedrés Pablo Hinojar, alma máter do Club Ximnasia Pontevedra.
BOS RESULTADOS PARA O XIMNASIA PONTEVEDRA NO NACIONAL
O Ximnasia Pontevedra-Burgas Ourense participou tamén no Campionato de España celebrado en Valladolid, e fíxoo con grandes resultados para os seus deportistas.
Así a pontevedresa Melania Rodríguez conseguiu o ouro en dobre minitramp e en trampolín. Tamén subiron todo o máis alto do podio Román Senín e Adrián Soliño en tumbling, Sofía Filgueira e Daniel Pérez en dobre minitramp e o equipo absoluto de dobre minitramp composto por Álex Cid, Alejandro Bernárdez, Antonio Santos, Daniel Pérez e Iván Estévez.
Ademais en categoría de base tamén triunfaron Marina Martínez, Albert Melón e o equipo de dobre minitramp.