Suso Morlán recibirá a insignia de ouro da Federación Galega de Piragüismo
Por Redacción
A Federación Galega de Piragüismo recoñecerá o labor do que durante anos foi adestrador do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Suso Morlán.
O técnico pontevedrés recibirá a insignia de ouro da Federación na Gala do Piragüismo Galego que se celebrará no auditorio municipal de Ribadumia o sábado 16 de decembro.
A xunta directiva federativa decidiu outorgar esta distinción a Morlán polo seu traballo no CGTD, polos seus éxitos como responsable da preparación de David Cal e agora polo seu papel na selección brasileira de canoa que actualmente dirixe e que tamén tocou a cima olímpica en Brasil.
A Gala do Piragüismo outorgará ademais o Premio Especial Xunta aos medallistas galegos en campionatos do Mundo de maratón: Óscar Graña, Ramón Ferro, Tono Campos, Manuel Garrido, Jenifer Casal e José Manuel Sánchez.
Entre outros premios destacado o Ciudad de Pontevedra será distinguido como mellor equipo nacional en categorías de promoción, o Breogán do Grove como mellor equipo feminino, Miguel Villanueva (Ciudad de Pontevedra) como mellor adestrador, Teresa Portela (Ría de Aldán) como mellor deportista feminina ou Carolina García (Ciudad de Pontevedra) como mellor deportista xuvenil.