Os xornalistas deportivos galegos premian a Ramiro Espiño pola súa traxectoria profesional
Por Alejandro Espiño
Ramiro Espiño, membro fundador e redactor de PontevedraViva, recibiu este luns o premio Galicia de xornalismo deportivo 2012 por toda a súa traxectoria profesional. Foi no transcurso dunha gala celebrada no Auditorio da Xuventude de Cambados. Trátase dun recoñecemento que se concede anualmente, desde hai oito anos, pola Federación Galega de Prensa Deportiva.
O xurado, composto por Eduardo Branco, Manuel González, Xesús Lodeiro, Juan Carlos Varela, Ricardo Docobo e o presidente da Federación, Juan Guillín, outorgou o premio por unanimidade a Ramiro Espiño, segundo reflíctese no acta, porque "se tivo en conta a súa destacada traxectoria no xornalismo deportivo galego". Está considerado como un dos premios máis importantes do xornalismo deportivo en Galicia.
Ramiro Espiño iniciou a súa actividade como xornalista no Diario de Pontevedra e, posteriormente, en Radio Pontevedra. Ao mesmo tempo realizou traballos noutros medios como Faro de Vigo, Diario AS, a axencia barcelonesa de información deportiva Área 11 e Localia Televisión. retransmitiu máis de mil partidos do Pontevedra C.F. ademais de encontros importantes doutros equipos da nosa contorna.
No transcurso desta gala tamén foi premiada a redacción de deportes de Diario de Pontevedra por "a calidade, o esforzo e iniciativa en trasladar á opinión pública a actualidade do deporte galego".
Nesta oitava edición, entre outros gañadores, atópanse tamén Francisco Chico Pérez pola súa contribución ao xornalismo deportivo na modalidade do ciclismo, Luís Timiraos da Televisión de Galicia no apartado audiovisual por Os irmandiños do Fútbol galego, o programa Coruña Deportiva de Fran Hermida da Cadena Ser ou a web www.curuxarallye.info, pola súa calidade e solvencia. Os premios especiais recaeronn en Televisión Española pola súa "magnífica cobertura da Vuelta Ciclista a España 2012 ao seu paso por Galicia" e, a título póstumo, na figura de Gerardo Méndez pola súa entrega xornalística ao balonmán.
A gala estivo presentada polos xornalistas Loreto Costa e Andrés Vieites e entre as autoridades que entregaron os premios atopábanse o presidente da Deputación, Rafael Louzán, o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, ou o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa.