O Pontevedra compensará os socios que pagaron o suplemento especial 'GranaTú'
Por Diego Espiño
A situación deportiva que atravesa o Pontevedra Club de Fútbol non é, nin de lonxe, a esperada polos dirixentes da entidade a principios de tempada, e así o recoñeceron en varios momentos da Xunta Xeral de Accionistas celebrada este luns no Pazo da Cultura.
Con todo "no solucionamos nada amargándonos cada día", sinalou a presidenta Lupe Murillo apelando ao traballo para reverter a situación e avanzando algunha medida para os próximos meses, aspectos que pasaron a un segundo plano pola acalorada reunión cos accionistas.
Á partida económica que o conselleiro Enrique Mariño recoñeceu ter reservada para reforzar o plantel nas próximas semanas, únense os datos positivos do balance económico cun superávit de 43.535 euros que permitirán facer unha chiscadela aos afeccionados que apostaron pola boa marcha do equipo adquirindo o abono especial ' GranaTú'.
Eses socios que "buenamente confiaron en nuestro capítulo deportivo y que íbamos a poder durar mucho tiempo jugando la Copa del Rey e incluso llegar a un play-off debémos agradecérselo", argumentou Murillo, polo que anunciou que serán compensados na seguinte campaña "si no llegamos a play-off", algo que a día de hoxe parece imposible.
Desta forma os seguidores que, ademais do prezo do seu propio carné, pagaron o suplemento especial de 40 euros para acceder de balde a todos os partidos da tempada (liga, Copa do Rei, Copa Federación ou fase de ascenso), verán rebaixado o seu abono da tempada 18/19 na mesma cantidade.
"Me parece que esto es coherente con la situación económica que hemos obtenido y agradeciendo esa confianza que depositaron en este Consejo de Administración", completou a máxima dirixente granate.
No aspecto social, na quenda de rogos e preguntas o club recoñeceu que manexan "datos preocupantes" como o feito de que preto do 60% dos socios actuais do Pontevedra superen os 50 anos de idade, polo que se centrarán en tentar atraer a público novo ao Estadio Municipal de Pasarón.
Ademais anunciaron que se contratou a unha empresa para renovar a páxina web do club, que será actualizada e volverá estar activa en poucas semanas.
Relacionadas:
-
RADIO.- Lupe Murillo recoñece ter visto "dos o tres ubicaciones" para construír unha cidade deportiva
Por Ramiro Espiño |
-
Berrocal e Añón seguen entre algodóns pero apuntan ao Cerceda
Por Diego Espiño |
-
Incorporar dous centrais, prioridade do Pontevedra antes do peche do mercado
Por Diego Espiño |
-
Acalorada Xunta Xeral de Accionistas no Pontevedra
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra desvela por sorpresa a súa campaña de socios, na que mantén prezos
Por Diego Espiño |