Samieira acolle este domingo o BTT Concello de Poio, a terceira proba do circuito galego
Por Alejandro Espiño
Os mellores especialistas galegos de mountain bike teñen unha cita ineludible este domingo 21 de abril en Samieira (Poio). Celébrase a VII edición do torneo BTT Concello de Poio, terceira das sete probas puntuables para o Open de Galicia da especialidade. Os seus organizadores, o club Ciclismo-Triatlón Monte Abaixo espera reunir nesta proba uns 150 deportistas.
A proba, que comezará ás 11.00 horas, sairá da Casa do Pobo de Río de Bois (Samieira) e percorrerá a maior parte da parroquia. Dividirase en sete categorías: cadete, junior, senior, élite sub 23, master 30, master 40, master 50-60 e féminas, que percorrerán entre 19,5 e 32.5 quilómetros, dependendo de cada categoría, ao ter que dar entre tres e cinco voltas ao circuíto establecido.
Trátase dunha proba que, segundo o presidente do club, Alfonso Gondar, "debido á parte técnica e física do percorrido é dás máis esixentes e bonitas do calendario galego". Así o describen, explicou, os numerosos deportistas que se achegaron nos últimos días a Samieira para probar o percorrido. "O que queira ter opción no open galego terá que vir a Poio", concluíu.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Marga Caldas, celebrou que o BTT Concello de Poio asentárase no calendario galego, ao chegar á súa sétima edición. Tras destacar que hai máis deportistas inscritos que o ano pasado, asegurou que esta proba "axuda a fomentar este tipo de deporte no noso concello".
Será a segunda proba, tralo duatlón celebrado fai unhas semanas, que organizan conxuntamente Concello de Poio e o Ciclismo-Triatlón Monte Abaixo. A terceira será o triatlón que ambos están preparando para os próximos meses.