Máis de 20 embarcacións disputarán nas aguas da Ría de Pontevedra a III regata Concello de Poio
Por Alejandro Espiño
Unha vintena de embarcacións, todas elas de orixe galega, reuniranse este domingo 21 de abril en augas da Ría de Pontevedra para participar na III regata Concello de Poio - Premio Terras Gauda, unha proba de longo percorrido puntuable para o circuíto galego de cruceros ORC solitarios e a dous. Trátase dunha competición organizada, por terceiro ano consecutivo, polo Club Náutico de Combarro.
A proba comezará sobre as 10.30 horas e durará unhas seis horas. O seu percorrido dependerá das condicións climatolóxicas, especialmente do vento. Por iso, preparáronse varios itinerarios alternativos, todos eles cunha lonxitude media de 30 millas. O comité de regatas anunciará trinta minutos antes do inicio da regata cal é finalmente o elixido. En todo caso, será unha competición completamente costeira debido á súa dureza e as súas dificultades.
Segundo Julio Conde, responsable do Club Náutico de Combarro, esta modalidade de regata "es una de las más reñidas puesto que la pericia de los patrones y tripulantes es el factor determinante de la pugna, quedando despreciado en un segundo plano tanto el modelo del barco como las mejores técnicas del mismo". E é que nesta clase, unha ou dúas persoas deben manexar unha embarcación que, en condicións normais, necesita cinco ou seis regatistas.
O diñeiro recadado coas inscripcións desta regata destinarase para financiar o centro de navegación a vela de Combarro, que dirixe a medallista olímpica Sandra Azón. Trátase dunha escola de vela para nenos e adultos na que se forman actualmente unha trintena de nenos de tres e catro anos en diante. Este apoio será, segundo a deportista, "un apoyo muy importante para el futuro de esta escuela".
Pola súa banda, a concelleira de Deportes do Concello de Poio, Marga Caldas, destacou que esta regata serve para "seguir impulsando un deporte que ata hai ben pouco era minoritario no noso concello e que se está convertendo nun deporte de referencia". Indicou que Poio debe apostar por este tipo de competicións "aproveitando a súa situación na ría e incentivando a riqueza e o movemento económico que xeran estes barcos".