A presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, pasou polos micrófonos do programa da Trastienda de PontevedraViva Radiopara repasar a actualidade granate. Situación deportiva, fichaxes ou o vivido na recente Xunta Xeral de Accionistas centraron parte da conversación coa dirixente, que terminou avanzando o que espera sexa o seu gran legado na entidade de Pasarón, unha cidade deportiva.
Sen querer polemizar co vivido no pasado, co proxecto para situar os campos de adestramento do Pontevedra no Concello de Barro con Nino Mirón ao mando do club, Murillo asegurou pensar só no futuro e nun proxecto no que xa estiveron traballando.
"Las gestiones están hechas pero si ahora no se está avanzando es porque tenemos que ver la situación económica del club y actuar con cabeza", avanzou a presidenta en referencia á súa intención de non aumentar a débeda da entidade.
"Hemos visto dos o tres ubicaciones", recoñeceu, aínda que unha en especial convéncelle. Trataríase en todo caso dun proxecto modesto afastado dos dos clubs galegos con máis poderío como Celta ou Deportivo, cun par de campos de fútbol (a idea sería contar con polo menos un de herba natural) que permitan adestrar tanto ao primeiro equipo como ás categorías inferiores.
"Me encantaría que fuera en un sitio donde todo el mundo puede desplazarse como a Pasarón, andando", explicou Lupe Murillo, que entende que a cidade deportiva debe situarse no municipio de Pontevedra porque "somos el equipo de la ciudad".
Para poder avanzar no proxecto fará falla, ademais dos terreos, buscar o apoio das institucións e tamén de financiamento privado, explicou a máxima autoridade do club deportivo despois de debullar as condicións coas que traballan na actualidade os diferentes equipos do club e os "10.000 o 9.000 euros" que pagan anualmente ao Servizo Municipal de Deportes por poder utilizar as súas instalacións.
A principal dúbida por tanto radica nos prazos, algo para o que "no hay fechas pero ojalá sea pronto", recoñeceu sinalando como único camiño para conseguilo manter unha boa xestión económica.