Remontada do Pontevedra ante o Burgos (2-0) para avanzar a cuartos de final da Copa Federación
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Segue adiante na Copa Federación o Pontevedra Club de Fútbol despois de deixar na cuneta o quinto clasificado do Grupo II, o Burgos, ao remontar unha eliminatoria que tiñan costa arriba tras o 3-1 da ida.
Puxo en liza Luismi un once no que mesturaba futbolistas do primeiro plantel, no que Jorge Hernández era o único que repetía con respecto ao equipo do pasado domingo, e homes que actúan habitualmente no equipo filial e xuvenil, como Borges e Pacheco en defensa, Iñaki en banda e Fernando Lezcano en punta. Tamén no Burgos Patxi Salinas apostaba pola súa segunda unidade e o resultado foi uns primeiros minutos de tenteo e sen apenas profundidade en ambos os dous bandos.
Aos poucos o Pontevedra foi gañando presenza en ataque ata que no 23 Iñaki filtra un bo balón para Lezcano e o dianteiro cruza poñendo en problemas ao gardameta visitante. Foi un aviso do que sucedería pouco despois nun lanzamento de Iván Martín que marchaba fóra ata que Lezcano desviou coa cabeza para facer o primeiro gol do partido.
Poñíanse a un tanto da remontada os granates. Con todo tras o gol o Burgos comezou a gañar metros e aínda que sen ocasións claras roldar a área defendida por Anxo. O porteiro local cometeu un erro na entrega que puido custar caro, pero pouco despois mostrouse seguro nun lanzamento afastado de Manzano.
Así se chegaría ao descanso. Luismi introducía cambios no intermedio dando entrada a Josiño e a un dos homes máis en forma do plantel, Álex González, e en apenas un minuto obtivo resultado para remontar a eliminatoria grazas unha cabalgada do extremo polo costado zurdo que finalizaba cun lanzamento cruzado que se coaba no fondo da portería, 2-0.
O resultado favorecía aos de casa e o Burgos tentou reaccionar á vez que o Pontevedra dábase un pequeno respiro. Chegaron así varios achegamentos perigosos sen puntería. Tamén Anxo realizou unha notable intervención a disparo de Carlos Álvarez, mentres que Abel Suárez á saída dun córner mal defendido rematou ao poste na ocasión máis perigosa do encontro para os de Patxi Salinas.
Puido chegar tamén o terceiro dos pontevedreses nun man a man de Jorge que salvou o porteiro visitante Lucas, protagonista pouco despois ao deixar ao seu equipo en inferioridade ao agarrar ao propio Jorge cando se marchaba cara á meta rival. Tivo que poñerse as luvas o lateral e capitán dos burgaleses, Sergio, pola lesión da súa outro gardameta, pero nos poucos minutos que restaban non chegaron a probar a súa habilidade. Si puido chegar na última xogada do encontro o gol que clasificaría ao Burgos, pero Koke cruzou en exceso.
O público despediu cunha ovación final aos futbolistas granates polo esforzo realizado nun terreo de xogo pesado pola choiva, celebrando a clasificación para os cuartos de final do torneo copeiro.
PONTEVEDRA CF (2): Anxo, Nacho López, Rafael Borges (Josiño, minuto 45), Pacheco, David Castro, Carlos Ramos, Iñaki (Jesús Barbeito, minuto 82), Mouriño, Iván Martín (Ález González, minuto 46), Lezcano, Jorge Hernández.
BURGOS CF (0): Lucas, Sergio, Cantero, Pablo, Campos, Beobide, Manzano, Adrián Cruz (Cusi, minuto 53), Carlos Álvarez, Xabi (Koke, minuto 62), Blázquez (Abel Suárez, minuto 68).
Árbitros: Alberto Gómez Lameiro, auxiliado nas bandas por Daniel Montoto Taboada e Marcos Campos (Galicia). Amoestou a Carlos Ramos e Mouriño no Pontevedra e expulsou o gardameta visitante, Lucas, no minuto 84 con vermella directa.
Goles: 1-0 Lezcano (min.31), 2-0 Álex González (min.46).
Incidencias: Partido de volta dos oiavos da Copa Federación disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante uns 400 espectadores.
Relacionadas:
-
Duelo en Toledo ante un rival directo e cun equipo de circunstancias
Por Diego Espiño |
-
O Escobedo cántabro será o rival do Pontevedra en cuartos de final da Copa Federación
Por Redacción |
-
Pibe asina co Pontevedra ata final de tempada con opción a outra
Por Diego Espiño |
-
Pibe volve ao Pontevedra como segunda fichaxe invernal
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra fai oficial a saída de Bruno Rivada, que marcha ao Mirandés
Por Diego Espiño |
-
O Toledo prescinde de Onésimo a poucos días de recibir o Pontevedra
Por Redacción |
-
A Copa Federación volve a escena
Por Diego Espiño |
-
A saída de Bruno Rivada cara o Mirandés, pendente só de pequenos detalles
Por Diego Espiño |
-
RADIO.- Lupe Murillo recoñece ter visto "dos o tres ubicaciones" para construír unha cidade deportiva
Por Ramiro Espiño |
-
Algo máis que tres puntos para o Pontevedra que respira gañando o Cerceda (2-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |