Machada ante o líder dun Pontevedra que dá motivos para a esperanza (3-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Implicación, garra e deixar ata o último gramo de suor sobre o céspede. Iso quería a afección do Estadio Municipal de Pasarón e iso deulle ao fin o seu equipo, dando motivos para crer na melloría e a permanencia na categoría. Fíxoo o Pontevedra ademais no día máis inesperado, ante o líder destacado da categoría, o Fuenlabrada, e mesmo remontando o tanto inicial do rival, de novo nos primeiros minutos.
Apostou Luismi, vendo o mal estado do terreo de xogo e o potencial ofensivo do contrario, por meter músculo no centro do campo aliñando a Adrián León no dobre pivote xunto a Álex Fernández, polo que David Castro repetiu no eixo da zaga xunto a Goldar. Na dereita outra da novidades, a inclusión de Nacho López en detrimento do canteirán Barbeito. Buscaba blindarse o técnico granate pero todo saltou polo aire na primeira acción do encontro. O lateral zurdo Fran García gañou liña de fondo e o seu centro mordido quedou solto no punto de penalti para que Dioni fusilase a Edu. 0-1 cando só transcorreran 1 minutos e 50 segundos de xogo.
Era un duro golpe, pero nun inicio frentético o Pontevedra repúxose da mellor maneira, acertando no seu primeiro achegamento, aínda que con algo de fortuna. Álex Fernández sacou unha falta lateral no costado destro, David Castro libre de marca rozou o balón e Cata Díaz introduciuno na súa propia portería facendo o empate no minuto 4. O tanto reforzou aos granates, que colleron forza e na súa seguinte aproximación lograron de novo premio para remontar. Foi nunha subida de Nacho López por banda que finalizou cun gran centro con mellor remate de cabeza de Iván Martín, o nove do equipo por segunda xornada consecutiva, para poñer en vantaxe aos locais.
Fixeran o máis difícil os pupilos de Luismi sabendo que quedaba un mundo por diante, nada menos que 82 minutos por xogar. Conscientes diso recuaron esperando a reacción de Fuenlabrada, que aos poucos foi gañando metros. Aproximouse con perigou o conxunto madrileño no 14 cun remate de cabeza de Iribas que sacou Edu, e repetiu no 27 nunha acción rematada en vantaxe por Vicente para esixir ao máximo ao gardameta local, non aproveitando o rexeite de socato Arruabarrena mandando o balón á bancada.
Foi un aviso do que tomou nota o cadro granate, que levou o duelo a unha batalla no centro do campo do maltreito céspede durmindo o xogo. Deixaron de pasar cousas e de intimidar os azuis, xa que ata o descanso non volveron gozar de ningunha ocasión, mentres que o Pontevedra si chegou nunha acción de Iván que marchou fóra por pouco.
Tras o paso por vestiarios o guión seguiu por eses camiños. Os locais adaptábanse mellor ao partido e tiraban de oficio para tolear ao Fuenlabrada. Tentaban os de Antonio Calderón ir a por o empate, pero nun mal saque de Codina desde portería Iván Martín gañáballe as costas a Cata Díaz para finalizar entre as pernas do porteiro e facer o terceiro.
Críano os pontevedreses e a realidade é que na batalla que se converteu o duelo, con multitude de cartóns e accións duras, apenas pasaba apuros a pesar de que o choque parecía romper. Só nunha acción puido recortar distancias o líder, nun centro de Quero que Arrabarruena remata no segundo pau para que Edu lucira cunha parada descomunal. Os visitantes reclamaron que o balón traspasara a liña de gol, pero o marcador non se moveu.
Máis con empuxe que coa calidade que teñen os seus homes, o Fuenlabrada tentou encerrar aos granates na súa área, pero esta vez si a zaga local mostrábase segura en todas as accións para pechar un resultado que vale moito máis que tres puntos, vale unha boa dose de moral e saber con certeza que poden vencer a calquera rival da categoría.
PONTEVEDRA CF (3): Edu Sousa, Nacho López, Jimmy, Goldar, David Castro, Adrián León, Álex González, Álex Fernández, Iván Martín (Eder Díez, minuto 89), Jorge Hernández (Berrocal, minuto 69), Añón (Marcos Álvarez, minuto 85).
CF FUENLABRADA (1): Codina, Mikel Iribas, Fran García, Cata Díaz, Juanma, Caballero (Quero, minuto 68), Hugo Fraile, Cristóbal, Dioni, Arruabarrena, Vicente (Álvaro Bravo, minuto 68).
Árbitros: Alberto González Hernández, auxiliado nas bandas por Alejandro Estévez Iglesias e Javier Muriel Isidro (Castela-León). Amoestou a Añón, Nacho López, Jimmy, Adrián León, Álex González, Álex Fernández e Marcos Álvarez no Pontevedra e a Caballero, Cata Díaz, Quero e Álvaro Bravo no Fuenlabrada.
Goles: 0-1 Dioni (min.1), 1-1 Cata Díaz en propia meta (min.4), 2-1 Iván Martín (min.8), 3-1 Iván Martín (min.54).
Incidencias: Partido de liga disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante uns 2.500 espectadores. Os futbolistas de ambos os dous equipos luciron bandas rosas con motivo do Día Internacional de Loita contra o Cancro.
Relacionadas:
-
Pontevedra-Fuenlabrada, un ano despois
Por Diego Espiño |
-
Xogar a nada e caer por un erro nun mal partido do Pontevedra (1-0)
Por Redacción |
-
O seguinte paso na recuperación granate, San Sebastián de los Reyes
Por Diego Espiño |
-
Partido frío como a noite entre Pontevedra e Escobedo (0-0) en Copa Federación
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Así de mal está o céspede de Pasarón... e o mércores toca Copa
Por Diego Espiño |
-
Duelo de máxima esixencia ante o líder para un necesitado Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Eder Díez aterra no Pontevedra: "No puedo prometer 20 goles, pero sí mucha entrega"
Por Diego Espiño |
-
Tratamento para o maltreito céspede do Estadio Municipal de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Chega o central uruguaio Darío Flores, sae Etxániz
Por Diego Espiño |