Goleada reparadora para o Pontevedra ante un deprimido Racing de Ferrol (3-0)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Sorrí o Pontevedra, que se reafirma na loita pola permanencia, e chora un Ferrol que cada vez ve máis preto o pozo da Terceira División despois dun duelo de alta tensión e que pode marcar o futuro de ambos os dous equipos na competición.
A tensión era evidente desde o quecemento, concentrados ao máximo os futbolistas coñecedores da importancia dos tres puntos en xogo. No Racing de Ferrol o once non deparou sorpresas importantes, pero si no Pontevedra onde Luismi, aproveitando a ausencia por lesión de Jimmy no lateral zurdo, apostaba por dar entrada a Darío Flores para xogar con tres centrais xunto a David Castro e Goldar e con Nacho e Álex González como carrileiros.
Comezaron dominando os granates, pero sen profundidade ante un Ferrol que parecía dar máis sensación de perigo cando roldaba a área rival. Era só unha percepción, porque os de Ricardo López non foron capaces de crear unha sóla ocasión clara nos primeiros 45 minutos.
Pola contra os locais avisaron no 12 cun lanzamento cruzado de Añón que detivo sen problemas Mackay, e creaban problemas ao Racing coa súa presión alta á saída de balón. Así chegaría de feito o 1-0 aos 22 minutos. Roubou Álex González a Seoane en tres cuartos de campo, o esférico recolleuno Jorge Hernández que avanzou vertical ata a frontal desde onde colocou un tiro raso á base do poste que se coou no fondo da portería.
Foi un duro golpe para os verdes, incapaces de reaccionar e que só 8 minutos despois recibían o segundo, obra de Álex González ao aproveitar un despexe frouxo de Nano á frontal da área cun lanzamento duro, seco e cruzado ante o que nada puido facer o gardameta visitante. Case sen saber como, o Racing víase fóra do choque. E puido ser peor se o colexiado chega mostrar a segunda cartolina amarela a Jacobo Trigo, que a rozou ata en dúas ocasións.
Deron entón un paso atrás os granates tras o tanto dándose un respiro para consolidar a súa vantaxe, chegando ao descanso sen apenas accións que apuntar máis que unha internada na que Añón reclamou timidamente penalti ante Maceira.
Tan pouco gustáballe a Ricardo o que estaba a facer o seu equipo, que realizou os tres cambios no intermedio, dando entrada a Beitia, Armental e Fran Sota por Jacobo Trigo, Seoane e Abel Suárez. Con todo o guión non cambiou na continuación, que arrincou cun centro chute de Nacho López que desviou Mackay a córner. No saque de esquina, mal defendido por parte do cadro departamental, Añón recibiu na frontal con comodidade para buscar un lanzamento raso que se marchou fóra por pouco.
Foron dúas ocasións que precederon ao terceiro tanto, nunha acción polo costazo zurdo na que Álex González gañou liña de fondo, deixou para Jorge e o centrocampista púxoa ao primeiro pau para que Iván Martín conectase coa esquerda ao bordo da área pequena fusilando no 52.
Contra prognóstico, e xa cunha importante laxa enriba, foi entón cando reaccionou o equipo ferrolán, que case á desesperada deu un paso adiante para dous minutos despois gozar da súa primeira ocasión. Case 54 minutos tardaron en inquietar os visitantes, cun disparo de Beitia que se estrelou na madeira nunha acción que terminou co propio Beitia rematando de novo ao lateral da rede.
Eran os mellores minutos do Racing de Ferrol, que chegou a dispoñer dun penalti por man dentro da área de Nacho López no minuto 69, pero cando a un equipo vénlle todo en contra a portería faise pequena, e Edu fíxose moi grande cun paradón a disparo de Joselu desde os once metros. Cuestión de confianza, e o Pontevedra demostrou recuperala nas últimas xornadas, polo menos cando xoga no Estadio Municipal de Pasarón.
Foi a última gran oportunidade do partido, aínda que os da cidade departamental seguiron tentándoo máis por orgullo que convicción ante un cadro local que se pechou para aguantar un resultado que lle dá máis que tres puntos. Os granates collen impulso coa vitoria na pelexa pola permanencia, suman o seu terceiro triunfo seguido en casa e distancia en 8 puntos a un rival directo, ao que ademais lle gaña o diferencial particular.
Xa chove menos en Pontevedra, aínda que hai que seguir pelexando para tentar salvar a categoría.
PONTEVEDRA CF (3): Edu, Nacho López (Marcos Álvarez, minuto 85), Álex González, Goldar, David Castro, Darío Flores, Álex Fernández (Prosi, minuto 72), Adrián León, Iván Martín, Jorge Hernández (Berrocal, minuto 63), Añón.
RACING DE FERROL (0): Mackay, Diego Seoane (Armental, minuto 46), Gonzalo, Víctor Vázquez, Nano, Abel Suárez (Fran Sota, minuto 46), Álvaro Rey, Jacobo Trigo (Beitia, minuto 46), Joselu, Pablo Rey, Diego Maceira.
Árbitros: David López Jiménez, auxiliado nas bandas por Edgar Ramírez Hens e Max Vanesso Castellet (Cataluña). Amoestou a Álex González e Adrián León e Berrocal no Pontevedra e a Jacobo Trigo, Maceira e Pablo Rey no Racing de Ferrol.
Incidencias: Xornada 26 de liga na Segunda División B disputada no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra ante ao redor de 3.500 espectadores.
Relacionadas:
-
Antiviolencia propón sancionar un afeccionado por ensinar unha bandeira independentista galega en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Un penalti inexistente afunde o Pontevedra e abre o camiño do triunfo ao Real Madrid Castilla (3-0)
Por Redacción |
-
O Pontevedra conxúrase para sumar un resultado "positivo" ante o Real Madrid Castilla
Por Alejandro Espiño |
-
Éder Díez clasifica o Pontevedra para as semifinais da Copa Federación eliminando o Escobedo (1-1)
Por Redacción |
-
Tensión entre seguidores do Racing de Ferrol e do Pontevedra na Praza da Verdura
Por Diego Torrado & Redacción |
-
"Ahora cada punto es vital", avisa Luismi ante o duelo entre Pontevedra e Racing de Ferrol
Por Diego Espiño |
-
Novos inquilinos para a enfermería do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra mantén prezos de 'derbi' para o partido ante o Racing de Ferrol
Por Redacción |
-
Pontevedra e Racing de Ferrol, dúas traxectorias paralelas para chegar a un derbi con aires de final
Por Diego Espiño |
-
Xogar a nada e caer por un erro nun mal partido do Pontevedra (1-0)
Por Redacción |