O partido de liga entre Coruxo e Pontevedra adiántase ao sábado 10 de marzo
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol está a piques de iniciar unha semana na que afrontará ata tres encontros oficiais en só 7 días e con moito en xogo, comezando co partido de liga do próximo domingo en Pasarón (17:00 horas) ante o Rayo Majadahonda.
Por ese motivo o adianto da data prevista no último deles, o que afrontará no campo o Vao ante o Coruxo, supón un contratempo inesperado para os granates.
O interese da Televisión de Galicia en ofrecer o duelo de rivalidade provincial, que se antolla clave na pelexa pola permanencia na Segunda B, fixo que se adiante un día fixándose para o sábado 10 de marzo ás 17:00 horas.
Non sería unha situación especialmente rechamante se non se tratase dunha semana na que o Pontevedra debe afrontar tamén a ida das semifinais de Copa Federación. O duelo ante o Atlético Saguntino disputarase o mércores 7 de marzo ás 20:00 horas no Estadio Municipal de Pasarón.
O adianto deixará escasa marxe aos granates para preparar o duelo de liga ante o Coruxo, para o que contará con apenas dous adestramentos previos.