Marín, confirmado como sede dun torneo do circuíto Arena 500 de balonmán praia
Por Diego Espiño
O circuíto Arena Handball Tour que impulsa a Real Federación Española de Balonmán chegará este verán a Marín.
A vila foi confirmada como unha das sedes dos torneos Arena 500, categoría que acompañará ás citas de máximo nivel (Arena 1.000) que nos últimos anos contaban con parada na localidade veciña de Bueu.
Nove serán os torneos Arena 500 que se crearán esta tempada, sendo a de Marín a sexta cita do calendario e única galega cunha competición que se prevé disputar do 6 ao 8 de xullo na praia de Loira. O resto de citas previstas, desde principios de xuño, son: Carboneras (2-3 xuño), Utrera (2-3 xuño), Barbate (22-24 xuño), Cidade Real (22-24 xuño), Alburquerque (6-8 xullo), Valladolid (6-8 xullo), Cádiz (13-15 xullo) e Los Alcázares (13-15 xullo).
En canto aos torneos de balonmán praia da máxima categoría, a Federación Española non confirmou a continuidade de Bueu, e só marca como datas seguras o os Arena 1.000 de Orihuela (29 xuño-1 xullo), Antequera (20-21 xullo) e Valencia (27-29 xullo), a Copa de España en Torrox (8-10 xuño), o Campionato de España de Seleccións Territoriais en Xetafe (6-8 xullo) e o XX Campionato de España de Balonmán Praia, en Laredo (3-5 xullo).