O Pontillón do Castro e o Monte Xiabre, escenarios do Campionato de España de Orientación MTB
A elite da orientación deportiva a nivel nacional e tamén de Portugal darase cita unha vez máis en Pontevedra, sede do Campionato de España de Orientación en bicicleta (MTBO) e do Campionato Ibérico Feminino da mesma disciplina.
A competición, organizada polo Club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo, é a segunda xornada da Liga Española de Orientación en bicicleta 2018 e celebrarase os días 28 e 29 de abril.
Dúas serán as localizacións desde as que partirán os preto de 300 participantes que se esperan na cita, o Pontillón do Castro en Pontevedra e o Monte Xiabre, tanto no seu parte de Vilagarcía como na Caldas de Reis.
O sábado 28 de abril o campionato levantará o pano ás 10:00 horas no Xiabre coa proba de Distancia Longa, mentres que a partir das 17:00 horas darase a saída a Distancia Sprint cunha saída en masa de todos os deportistas.
Pola súa banda o domingo 29 de abril será a quenda do Pontillón do Castro, escenario da Distancia Media a partir das 9:00 horas da mañá.
A presentación oficial do Campionato de España de Orientación MTB desenvolveuse este xoves na céntrica Praza da Peregrina de Pontevedra coa presenza, ademais de representantes do club organizador, o presidente da Federación Galega de Orientación, Tito Arufe, a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, a deputada provincial Chelo Besada, o delegado territorial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, e o campión de España de orientación Ángel García.