A Escola Hungaresa consegue dúas medallas de ouro en Madrid no Criterium Nacional de Esgrima
Por Redacción
O troco xeracional está asegurado na Escola Hungaresa de Esgrima. Así o demostraron os seus deportistas máis novos no Criterium Nacional para as categorías M-10 e M-12 (benxamín e alevín) celebrado na localidade madrileña de Pozuelo de Alarcón.
Nove deportistas representaron ao club pontevedrés na cita, seis deles no sabre masculino alevín, unha no sabre feminino alevín e outra máis no sabre feminino benxamín, conseguindo dúas medallas de ouro.
Os títulos nacionais foron para Pilar Garnelo e para Ángela Nogueira. A primeira delas proclamouse campioa de España por terceiro ano consecutivo, esta vez en idade alevín, despois de facer pleno de triunfos na fase de grupos e de derrotar na final á madrileña Natalia Rueda por 10 tocados a 1.
Pola súa banda Ángela competiu na categoría benxamín. Na fase de grupos, que se fixo mixta entre nenas e nenos, conseguiu sete vitorias e só unha derrota (por 5 tocados a 4), e con estes resultados obtivo a clasificación co número 1 no sabre feminino e alzouse automaticamente co título.
Ademais no sabre masculino alevín do ano 2006 Juan Ocampo, André Martín e Samuel Ogando concluíron en 16ª, 21ª e 23ª posición, mentres que no sabre alevín do ano 2007 Héctor Torres, Gabriel Covelo e Xián Alonso finalizaron na 9ª, 13ª e 14ª praza respectivamente.
Por último Claudia Casal conseguiu dúas vitorias na fase de grupos pero non puido acceder á fase final acabando no posto 11.
A actividade da Escola Hungaresa a pasada fin de semana completouse coa súa participación no Campionato Galego Absoluto, no que copou gran parte dos postos de podio.
Relacionadas:
-
RADIO.- A Escola de Esgrima Hungaresa, pioneira en España na actividade con discapacidades visuais
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: O fútbol é para mozos e o voleibol para mozas? Pois non!
Por Marisa Ciordia |
-
O equipo infantil da Escola Hungaresa de esgrima, subcampión de España
Por Redacción |
-
Dobre medalla para a Escola Hungaresa de esgrima no Trofeo Internacional Sant Jordi
Por Redacción |