Medallistas nacionais e internacionais dan lustre ao VII Open Cidade do Lérez de taekwondo
Por Diego Espiño
O pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe será escenario o vindeiro sábado 2 de xuño da VII edición do Open Cidade do Lérez de taekwondo, unha competición que non deixa de crecer.
Ao redor de 400 deportistas de 30 clubs daranse cita no evento organizado polo Taekanart de Monte Porreiro, entre os que se atopan un bo número de medallistas nacionais e internacionais como Sara Cortegoso, Unai Silva, Iván Rodríguez, Arlet Ortiz, Adrián Pombo ou David Rodríguez, entre outros.
"Aunque estemos en junio estamos ante el primer campeonato de la temporada 18/19", explicou o responsable do open, Toño Ríos, xa que se trata dunha das primeiras competicións que achega puntos ao ránking pensando no próximo ano.
A actividade contará con dobre xornada, competindo pola mañá (9:30 a 14:30 horas) as categorías de combate absoluta e cadete e pola tarde (15:30 a 21:00 horas) as infantil, precadete e junior.
No pavillón de Príncipe Felipe instalaranse seis pistas para os diferentes combates, e contarase con todos os medios electrónicos de última xeración, utilizando o mesmo sistema que o usado nos Xogos Olímpicos.