Indurain, Pereiro, Pino e 700 valentes máis para a segunda edición da 4 Picos Road
Por Diego Espiño
Todo preparado para vivir este domingo 17 de xuño unha auténtica xornada de ciclismo coa segunda edición da Pontevedra 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela.
A marcha cicloturista experimentou un importante crecemento e congregará no seu segundo ano a 745 ciclistas polas estradas da comarca, cun esixente percorrido na súa versión máis longa de 120 quilómetros e 2.593 metros de desnivel acumulado positivo.
Será así porque os participantes afrontarán as subidas aos altos do Lago de Castiñeiras, o Miradoiro de Morañó en Campo Lameiro (novidade desta edición en lugar da Fracha), Monte Acibal e o Monte Castrove.
Poucos foron os afeccionados ao ciclismo que quixeron perderse unha ruta que contará con invitados de luxo. De feito os participantes poderán pedalear á beira de 6 Tour de Francia e 1 Vuelta a España, xa que como padriño desta edición estará o gran Miguel Indurain (5 veces gañador da rolda francesa) acompañado por Óscar Pereiro (1 Tour), Álvaro Pino (1 Vuelta) e outras figuras do deporte da bicicleta como Ezequiel Mosquera, Moisés Dueñas ou Ángel Vallejo, todos eles profesionais no seu momento, ademais do homenaxeado Evaristo Portela ou do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, entre outros.
Ademais a carreira contará con opción de completar só 3 picos (97 quilómetros) ou 2 picos (82 quilómetros), saíndo todos os ciclistas de maneira conxunta ás 9:00 horas do domingo desde a Avenida Montero Ríos de Pontevedra, onde tamén estará situada a meta.
A organización, tras a reunión do dispositivo de seguridade da proba, comunicou que os primeiros 35 quilómetros realizaranse de maneira neutralizada, ata o punto de avituallamento. A partir de aí, tras un reagrupamento, comezará a marcha dunha maneira non neutralizada e libre ata o final da ruta.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Dani Barreiro: onte era ciclista, hoxe é músico e mañá é tempo futuro
Por Marisa Ciordia & Mónica Patxot |
-
Ciclismo en estado puro na segunda edición da 4 Picos Road
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Miguel Induráin estará na segunda edición da 4 Picos Road
Por Diego Espiño |
-
O mundo do ciclismo rinde homenaxe a Evaristo Portela na primeira edición da 4 Picos Road
Por Diego Espiño & Diego Torrado |