Gran papel do Club Voleibol Pontevedra no campionato de España alevín
Por Redacción
O equipo alevín do Club Voleibol Pontevedra, subcampioas a nivel galego, asinaron un gran papel no campionato de España da categoría, celebrado a pasada fin de semana en Valladolid.
Á cidade castelá trasladouse un conxunto formado por Sofía Fresco, Noelia Gores, Carla Fernández, Raquel Aramburu e Sara Pulido.
Con dúas vitorias e unha derrota na fase de grupos, as pontevedresas clasificáronse a oitavos de final, onde caeron ante un serio MC San José CN de Almería.
A partir de aí, entraron na fase para decidir os postos do 9 ao 16 na clasificación. Rolda a rolda foron superando aos seus rivais cun gran nivel de xogo, quedando finalmente como o undécimo mellor equipo de España dun total de 32 participantes.
Para elas, sen dúbida, foi un torneo no que mostraron moi boas sensacións e que supuxo unha gran experiencia deportiva.