Óscar Graña agranda a súa lenda e, con Diego Romero, son campións de Europa de piragüismo maratón
Por Alejandro Espiño
Din que os vellos rockeiros nunca morren. E, no ámbito deportivo, Óscar Graña é un deles. Aos seus 42 anos, o piragüista pontevedrés volveu subir ao máis alto do podio nunha competición internacional. Colgou o ouro, xunto ao seu compañeiro Diego Romero, na proba de C2 do campionato de Europa de piragüismo maratón.
Graña, agora nas filas do Breogán do Grove, agrandou a súa lenda e suma unha medalla máis ao seu longo historial deportivo, a primeira co seu compañeiro, o vilagarcián Diego Romeu.
A aposta deste último pola embarcación dobre foi clara desde o primeiro momento e por este motivo renunciaba á súa participación no barco individual no cal tiña a praza.
A dupla pontevedresa tomaba a saída ás 8:00 da mañá e, ao longo dos 30 quilómetros que durou a proba, dominou os tempos en todo momento. Situáronse na cabeza ao principio da carreira, acompañados polas piraguas de Polonia, de Hungría e o segundo barco español, con Tono Campos e José Sánchez, tamén do Breogán do Grove.
A falta dunha volta, o tándem español aproveitou unha ciaboga na que os polacos embestiron aos húngaros para realizar un tirón que lles permitiu escapar e palear de forma clara cara o máis alto do podio.
Antes, na quinta volta, xa se descolgaran da cabeza o dúo formado por Campos e Sánchez, que foron quintos ao final.
O C2 de Óscar Graña e Diego Romero cruzou a liña de meta cun tempo de 01:55:33.46, superando os polacos Mateusz Orgiel e Mateusz Zuchora en máis de quince segundos e os húngaros Dániel Laczó e Gergely Nagy en case 21 segundos.
'AS TANIAS', CUARTAS EN K2
Ademais, a parella formada por Tania Fernández (Kaiak Tudense) e Tania Álvarez (Breogán do Grove) lograron un magnífico resultado na que era a súa primeira competición internacional xuntas.
Foron cuartas na carreira de K2, que comezaba pouco despois das dez da mañá. Por diante delas quedaron os dous barcos húngaros e as españolas Eva Barrio e Amaia Ousaba, que lograron colgar a medalla de bronce.