Medio cento de pilotos participarán en agosto na terceira Subida a Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas acollerá os días 4 e 5 de agosto a terceira edición da Subida a Ponte Caldelas, unha proba que volverá ser puntuable para o Campionato Galego de Montaña.
A subida, que homenaxea este ano a José Luis Santos, triplo campión galego ao longo dos anos 1994, 1995 e 1996, chega este ano cun cambio de circuíto que recupera a mellor tradición dos rallies do Albariño e Rías Baixas.
O novo trazado, con 4,2 quilómetros, é máis longo e rápido que o utilizado ata o de agora na estrada autonómica de Laxoso.
A saída estará na estrada autonómica PO-244 (Ponte Caldelas-Soutomaior) para xirar pola vía provincial cara Rebordelo e, unha vez superado o pobo e antes de Barbudo, volverá xirar á esquerda pola pista municipal que vai á Esfarrapada, onde se sitúa a meta.
A subida volverá a disputarse a seis mangas que se repartirán entre as xornadas do sábado e o domingo. Comezarán ás 15.30 horas o sábado e ás 9.30 horas o domingo.
A presentación oficial celebrouse no Concello con presenza do alcalde, Andrés Díaz, e Noemí Blas, presidenta da escudería Buxa Motor Poio, organizadora da proba.
Os pilotos estiveron representados por Alexis Viéitez, actual gañador do galego de montaña; Vicente Viéitez, Diego Rodríguez, Moisés Rey, Mara Fontán (unha das tres pilotos que están competirán este ano) e Adrián Sabajanes.
Superar o fito da primeira edición, na que a asistencia foi calculada en 7.000 persoas durante a fin de semana, será o reto deste ano. A outra singularidade volverá estar nas chicáns, posto que a organización xa confirmou que colocará un destes vistosos obstáculos na recta de Rebordelo.
As inscricións están abertas ata o próximo mércores e agárdase a presenza dos máis de 50 pilotos que adoitan acudir a estas probas, entre eles varios locais.